"eo" (Contén)
Mostrando 20 resultados de 3592.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo arqueolóxico e histórico inaugurado en 1968 e situado no castelo de Santo Antón na Coruña. De titularidade municipal, pertence ao Consello Galego de Museos. A súa colección componse de pezas da prehistoria e da historia antiga de Galicia, procedentes maioritariamente de escavacións arqueolóxicas realizadas na provincia. A chamada Casa do Gobernador está dedicada á lembranza dos principais feitos acontecidos na cidade, como a expedición de Drake ou a Batalla de Elviña. Edita a revista Brigantium.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo arqueolóxico provincial situado desde 1951 no palacio episcopal de Ourense. De titularidade autonómica, a súa orixe atópase en 1895 cando a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense decidiu reunir nun museo os restos arqueolóxicos que formaban parte do Museo de Pinturas. En 1993 a sección de etnografía, con sede en Ribadavia, separouse e converteuse nun museo independente. A súa colección arqueolóxica e artística componse de restos megalíticos, castrexos, galaico-romanos e prerrománicos, así como de importantes pezas escultóricas renacentistas e barrocas e pinturas dos ss XVII e XIX. Tamén posúe unha mostra de mobiliario e artes decorativas. Pertence ao Consello Galego de Museos. En 1941 creouse o Grupo Marcelo Macías de colaboradores do museo, encargado de publicar o Boletín Auriense. A sede foi declarada Ben de Interese Cultural en 1962.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo etnográfico situado en Doade (Lalín). Atópase nunha antiga casa de pedra que pertenceu a unha das familias máis adiñeradas da zona. A súa colección componse de obxectos tradicionais galegos de uso cotiá, ou vinculados á artesanía, na súa maior parte doados, e cunha especial presenza da comarca de Deza. Organízase en diversas salas dedicadas á vivenda, cociña, liño, oficios, agricultura, cerámica, bonecas, marquetaría e ao mar. Conta cun pequeno taller de restauración.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo virtual creado en 2000 e dedicado á figura de Afonso Rodríguez Castelao. Os seus fundadores foron o Consello da Cultura Galega, a Fundación Castelao e Vieiros. A súa intención foi a de constituír un espazo de convivencia virtual, aberto a todos os interesados en profundizar no coñecemento da vida e obra deste autor. Entre outros apartados conta cunha mediateca, que recolle documentos sonoros, imaxes e pezas musicais con letra de Castelao ou dedicadas a el.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo da catedral de Santiago de Compostela, fundado en 1943. Creado para mostrar os achados atopados na basílica, está situado no claustro, na Sala Capitular, na Biblioteca, na sala do Tesouro e na cripta baixo o pórtico da Gloria. Entre os seus fondos conta con mostras arqueolóxicas, pintura, escultura, ourivaría, tapices, alfombras, roupa litúrxica, cerámica e mobiliario. Entre outras pezas destacan o coro pétreo do mestre Mateo, o Santiago peregrino de Xosé Gambino e os botafumeiros do s XIX. Na Biblioteca consérvanse o Codex Calixtinus ou Liber Sancti Iacobi, os tombos, a Historia Compostelana e documentos de grande importancia para a historia de Galicia.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo da catedral de Tui, instalado na antiga capela de Santa Catarina, no claustro e na Sala Capitular e fundado en 1976. Considerado o segundo no seu xénero en Galicia, despois do de Santiago de Compostela, acolle obxectos litúrxicos, pezas de ourivaría e arqueoloxía, códices e pergamiños, lápidas e escultura de distintas épocas. Entre as pezas conservadas destaca o Pontifical de Tui, do s XIV, a Virxe co Neno (s XIV), Nosa Señora a Preñada (s XVIII) e o Barco de san Telmo (s XVIII).
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo da catedral de Mondoñedo inaugurado en 1969. Está situado entre a catedral e o palacio episcopal. Os seus fondos constan, tanto de obxectos relacionados coa liturxia, como de restos arqueolóxicos, ourivaría, tapices, mosaicos, retablos, pinturas ou esculturas, cunha cronoloxía que abrangue ata o s XX. Na planta alta conta coa reconstrución das estancias episcopais, cunha capela do s XI e un despacho dun bispo do s XVI; e na superior co dormitorio do bispo Luján do s XVI. Pertence ao Consello Galego de Museos.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Palacio museo de titularidade estatal, situado en Madrid e aberto ao público en 1934. O edificio, de carácter italianizante, constitúe en si mesmo unha mostra do ambiente da época (s XIX), así como a decoración das súas estancias e a importante colección artística que reunira o seu propietario, Enrique de Aguilera y Gamboa, XVII marqués de Cerralbo, e que doou á súa morte en 1922. Elabora diversas publicacións e organiza actividades culturais e educativas. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1962.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo comarcal fundado en 1984 na Fonsagrada por un padroado veciñal, do que tamén forman parte o concello e os centros educativos. Pertence ao Consello Galego de Museos. Os seus fondos agrúpanse en seccións de arquitectura popular (vivenda, hórreos, muíños), etnografía (oficios, vida rural, xogos e outros aspectos), arqueoloxía (época megalítica, castrexa e romana), historia local, e escultura relixiosa e contemporánea. Ten unha biblioteca especializada e un arquivo fotográfico, ademais de salas para exposicións temporais.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo fundado en 1947 pertencente á colexiata de Iria Flavia (Padrón). Atópase na Casa dos Cóengos, situada fronte á igrexa. Naceu coa finalidade de servir para a compilación, organización e exposición de obxectos, esculturas e pinturas de carácter relixioso ou sacro, dos ss XV-XVIII.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo fundado en 1990 e situado na colexiata de Santa María do Campo, na Coruña. Dirixido polo abade da colexiata, atópase nun edificio proxectado por Manuel Gallego Jorreto. Pertence ao Consello Galego de Museos. Acolle unha colección de ourivaría, especialmente pezas de prata procedentes de toda España, así como imaxes e ornamentos sagrados dos últimos cinco séculos.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo situado no convento de Santa Clara de Monforte de Lemos. Considerado como un dos máis importantes museos de arte sacra de España, conta cun importante fondo composto por vestimentas litúrxicas e pezas de ourivaría relixiosa do Renacemento. Sobresaen especialmente o Cristo yacente e a Inmaculada, de Gregorio Fernández.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo situado no mosteiro de Santa Clara, en Allariz. A súa colección está composta principalmente por ourivaría e obxectos da liturxia de época barroca. Destacan especialmente dúas pezas: a Virxe abrideira (s XIII) e a Cruz de cristal de rocha, doadas ao convento (s XIII) por Violante de Aragón.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo fundado en 1960 e situado na igrexa do mosteiro beneditino de Vilanova, en Lourenzá. Pertence ao Consello Galego de Museos. A súa colección inclúe importantes pezas de ourivaría, escultura, pintura, mobiliario e indumentaria, das que destacan un sartego do s V, unha ara e unha lauda do s IX e un relicario do s XVII. Conta coa biblioteca monacal.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo fundado en 1975 e instalado na sancristía e no claustro da colexiata de Santa María a Real de Sar (Santiago de Compostela). Os seus fondos están formados por documentos, restos arquitectónicos, esculturas, ornamentos litúrxicos e pezas de ourivaría. Organízase en diversos espazos expositivos dedicados ás orixes do priorado, á vida parroquial entre os ss XVII e XIX e á Agrupación Folclórica Colexiata do Sar. No claustro consérvanse sartegos e distintas pezas arquitectónicas.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo inaugurado en 1983 e situado no claustro do antigo convento de San Domingos, en Betanzos. Pertence ao Consello Galego de Museos. Recolle pezas castrexas, romanas e medievais da zona e conta cunha sección histórica e outra antropolóxica. Alberga o Museo do Traxe Galego, con representacións de modelos de toda Galicia, unha zona dedicada a símbolos como a bandeira e documentos do goberno da Segunda República no exilio, unha importante colección cartográfica e restos dun museo escolar local, a colección Jiménez-Cossío e a sala Apostolado de Rubens, integrada por unha colección de táboas de Rubens ou da súa escola traídas a Betanzos polos fundadores do Hospital de Santo Antonio no s XVII.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo situado en Santiago de Compostela. Creado en 1951, foi aberto ao público definitivamente en 1996, coa montaxe e a exposición permanentes. Dependente da Xunta de Galicia e membro do Consello Galego de Museos, atópase na coñecida como Casa Gótica. Os seus obxectivos centráronse no estudo e ilustración da orixe do culto ao Apóstolo Santiago e do fenómeno das peregrinacións, así como en poñer de manifesto a súa relevancia relixiosa e cultural. Deste xeito, estuda as orixes da peregrinación e do culto xacobeo, a cidade e a catedral, os camiños e os ritos, a imaxe do Apóstolo na historia, os gremios e as tradicións artesanais compostelás, os gravados composteláns e os instrumentos do Pórtico da Gloria.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo de titularidade estatal fundado en 1941, e instalado desde 1965 na súa sede actual en Madrid. Os seus fondos están constituídos polas antigas coleccións de arqueoloxía e etnografía americana do Museo Arqueológico Nacional, así como polas doazóns, depósitos e adquisicións de novas obras. A súa temática abarca desde a prehistoria americana ata os primeiros anos do s XXI, aínda que pon especial énfase na arqueoloxía precolombina, a etnografía e a arte colonial. Ademais da exposición permanente, organiza actividades destinadas ao coñecemento e ao entretemento, relacionadas co continente americano, actividades educativas para escolares e cursos especializados para adultos. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1962.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo de arte abstracta fundado polos pintores Fernando Zóbel, Gerardo Rueda e Gustavo Torner en 1966, con sede nas casas colgadas de Cuenca. Os fondos iniciais, propiedade de Fernando Zóbel, constituían o mellor exemplo de arte abstracta española das décadas de 1950 e 1960. Desde 1980, converteuse en propiedade e responsabilidade da Fundación Juan March de Madrid, que contribuíu coa incorporación de novas obras. En 1987 recibiron as obras da colección Amos Cahan. Conta cunha biblioteca e coa edición de obra gráfica.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Museo de arte contemporánea fundado en 1970 polo Laboratorio de Formas do grupo Sargadelos e situado en Osedo (Sada). Naceu para acoller a colección de plástica galega da década de 1930 doada polos membros fundadores do Laboratorio de Formas e dedicouse ao pintor Carlos Maside. En 1974 creouse o padroado do museo e en 1985 ampliou a súa colección para acoller a obra de artistas galegos contemporáneos e adoptou o nome actual.