"CIA" (Contén)
Mostrando 20 resultados de 3047.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Constituída o 1 de decembro de 1990 en Santiago de Compostela, o seu ámbito de actuación céntrase, fundamentalmente, na Comunidade Autónoma Galega. O seu labor desenvólvese facilitando información aos seus asociados, organizando xornadas técnicas, visitando empresas, mantendo xuntanzas coas administracións públicas, facilitando viaxes a congresos e encontros nacionais e internacionais, e tamén formando a traballadores e mandos. Ten como obxectivos coordinar criterios diante dos problemas comúns do sector e crear servicios de interese común.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Asociación que agrupa a maioría das empresas de márketing telefónico de España co obxectivo de dar a coñecer as actividades que desenvolven os seus asociados e defender os seus intereses no eido publicitario.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Institución creada no ano 1980 en Santiago de Compostela destinada a “defender os intereses da práctica escrita en galego”. Na xuntanza de fundación organizada no Museo do Pobo Galego estiveron presentes, entre outros intelectuais: Bernardino Graña, Carlos Casares, Alfonso Pexegueiro, Xoán Ignacio Taibo, Paco Martín, Salvador García-Bodaño e Luís Álvarez Pousa. A esta asociación pertenceron Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Valentín Paz Andrade, Ricardo Carballo Calero, Xosé María Álvarez Blázquez e Celestino Fernández de la Vega. Foron os seus presidentes, ademais de Bernardino Graña, Antón Avilés de Taramancos e Uxío Novoneyra. Esta asociación instituíuse como órgano superior de representación e defensa dos intereses profesionais do escritor en lingua galega, amais de impulsor de toda manifestación cultural progresista nunha liña de desenvolvemento da comunidade nacional galega. Ademais destas, tenta crear un vencello de cooperación e de solidariedade entre os escritores, traballar...
-
VER O DETALLE DO TERMO
Creada o 9 de febreiro do 1989, a súa sede social atópase en Melide. A xunta xestora que levou a cabo os trámites de legalización estaba dirixida por Ricardo Portela Bouzas. O primeiro presidente trala súa creación foi Xosé Vicente Ferreirós. Dende 1993 o presidente é Santiago Caneiro Aneiros. O seu obxectivo fundamental é traballar a prol da gaita e tratar de conseguir a súa dignificación, recuperación e divulgación como sinal de identidade de Galicia. Desenvolve anualmente un Festival Anual que se celebra en distintas cidades galegas: Santiago (1991), Lugo (1992 e 1999), Ourense (1993) e Vigo (1994). Como actividades realizou a exposición monográfica O Gaiteiro nas Artes, inaugurada en Ourense en 1993 con caráter permanente e no 1994 con carácter itinerante; e a Mostra de Feitores (Festival de Pardiñas-Guitiriz, 1994 e 1999), en colaboración coa Asociación Xermolos, na que se recolleu o traballo dos artesáns de instrumentos tradicionais galegos.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización moi activa nos derradeiros anos do s XIX que agrupaba un gran número de mestres da provincia de Pontevedra. En xuño de 1894 publicou Crónica de la Asamblea Pedagógica y Exposición Escolar, un xornal profesional de dez números que lle deu cobertura e apoio á Asamblea Pedagógica e á Exposición Escolar dese mesmo ano. Nesta publicación pódese observar o desenvolvemento das distintas intervencións que se produciron nestes actos. A Asociación prestou especial interese por temas relacionados cos problemas das escolas mixtas e co ensino da época en xeral.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización dos mestres de Santiago de Compostela oficialmente constituída en xaneiro de 1893 en Santiago de Compostela, aínda que a prensa xa anunciaba a súa fundación o 6 de febreiro de 1887. Pertencía ao grupo de asociacións de carácter mutualista e de socorros mutuos, é decir, de axuda benéfica e de coñecementos. Entre os seus obxectivos máis inmediatos estaban conseguir a fraternidade entre todos os ensinantes e o socorro mutuo científico e material entre os seus afiliados.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Fundada o 23 de marzo de 1898 en Santiago de Compostela, foi a primeira organización patronal desta cidade e unha das primeiras de Galicia. O seu obxectivo básico era a defensa mutua e protección recíproca dos seus asociados, cando a súa autoridade ou os seus intereses de clase estivesen ameazados polo obreiro, especialmente na folga ou no paro. Non se admitía ningún aprendiz (menor de 16 anos) que estivese afiliado a calquera das sociedades de resistencia da cidade e, sobre todo, aqueles que xa pertenceran ás organizacións obreiras, procurando os seus xefes que abandonasen esta afiliación. Por outra banda, os afiliados a esta patronal, comprometíanse a non dar traballo a aquel obreiro que non viñese provisto dun documento, expedido polo seu anterior patrón, no que se informaba de que abandonaba o traballo voluntariamente sen ter secundado protestas obreiras ou ter cometido faltas graves na empresa.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización mariñeira de carácter parroquial fundada o 11 de marzo de 1900 en Cangas do Morrazo. Foi unha das primeiras asociacións dos traballadores do mar aparecidas no Morrazo. A súa fundación está relacionada co nacemento das primeiras sociedades de resistencia na pesca (1895-1910), caracterizadas por ser organizacións que englobaban mariñeiros e pequenos armadores, co obxectivo de paliar a situación de indefensión na que se atopaba o sector.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización de mariñeiros fundada en 1900 en Bueu. Nas súas directivas participaron destacados membros do republicanismo local. O seu regulamento, con data do 19 de xaneiro de 1900, estipulaba a organización de toda a clase traballadora do mar nunha asociación que defendese os seus intereses, tanto entre os seus asociados como na representación do sector diante das autoridades gobernativas. En 1904, esta asociación mariñeira interveu no conflito que enfrontou a mariñeiros, que reclamaban un aumento dos quiñóns que cobraban por ir á parte, e armadores locais. A organización de Bueu, apareceu nos primeiros momentos de estruturación mariñeira en sociedades de resistencia (1895-1910), nun momento de total indefensión do sector ante as autoridades gobernativas.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización mariñeira fundada en 1924 en Viveiro como consecuencia da crecente importancia da industria pesqueiro-conserveira na localidade. En Viveiro non existía ningunha organización mariñeira, e os elementos conservadores locais alentaron e organizaron esta sociedade para cubrir o baleiro deixado polo sindicalismo obreiro, tentando impedir a súa introdución neste porto, nunha etapa de grande espallamento do sindicalismo obreiro de clase (1910-1930). O obxectivo principal desta organización mariñeira era a beneficencia entre os asociados e a resolución cooperativa dos problemas do sector.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Asociación encargada de organizar, anualmente, os premios AMPE de publicidade. Está formada pola maioría dos medios de comunicación españois.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización agraria máis antiga da vila de Betanzos constituída oficialmente en decembro de 1900. A súa fundación foi alentada no transcurso dunha visita que o líder socialista Pablo Iglesias realizou en 1899 á vila. Esta organización labrega, de orientación socialista, estaba conformada por xornaleiros, arrendatarios e pequenos propietarios de terras. Entre os seus obxectivos estaban os de mellorar a condición económica, moral e intelectual dos afiliados, establecendo relacións de solidariedade coas demais asociacións de carácter obreiro. Interveu nas loitas electorais municipais dende 1901, apoiando aos candidatos socialistas; e do mesmo xeito, entre 1907 e 1909, apoiou a Solidaridad Gallega, enfrontándose así ao caciquismo liberal do distrito. Nos anos da II República estivo adherida á Federación Agraria do Partido Judicial de Betanzos. Desapareceu nos comezos do alzamento militar de 1936.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización socio-laboral fundada en abril de 1932 en Vigo. Estaba conformada por maquinistas e patróns de pesca da cidade e non se establecía a afiliación de mariñeiros. A fins de 1932 ingresou na UGT baixo a denominación de Sociedad de Patrones, Habilitados y Fogoneros, sendo unha das poucas organizacións de traballadores do mar afiliada ao socialismo, xa que a CNT exercía, por eses anos, un total dominio sobre o sector mariñeiro galego.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización de restauradores galegos, espallados por toda España, que naceu en 1986, pola iniciativa dun grupo de propietarios de restaurantes, encabezados por Indalecio Pascual, coa idea de aunar esforzos a prol da defensa e promoción colectiva dos valores culturais e gastronómicos da cociña galega. Ata 1996 estivo presidida por José Limeres Guillé e, dende entón, ocupa a presidencia Elicio Magallanes Rodríguez. Esta asociación, que ten representantes nas catro provincias galegas e tamén en Madrid, Barcelona, Badajoz e Huelva, colabora habitualmente coa administración galega en proxectos divulgativos da gastronomía de Galicia e, dende os seus comezos, edita anualmente a revista Lareira, de contidos gastronómicos-turísticos.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización de carácter benéfico constituída en 1891 en Santiago de Compostela por iniciativa da Condesa viúva de Taboada. Foi a sucesora dunha experiencia similar en 1855. Os seus obxectivos principais foron a vixilancia da roupa, alimentos e sanidade dos establecementos benéficos da cidade, fundamentalmente do Hospicio. As donas da alta sociedade compostelá controlaban a súa xestión.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Agrupación de profesionais da restauración fundada en 1998 co pulo decidido de Luis Moya e Luis Padín. Realiza actividades de formación en relación co coñecemento, consumo e manexo do viño, con especial atención aos viños galegos, e dirixidas aos profesionais do sector, aínda que tamén realizan actividades para o público en xeral. Noutras actividades os protagonistas son os vinagres, os aceites ou os licores.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización constituída en xuño de 1989 que agrupa a maioría dos usuarios da televisión e da radio de Galicia. O seu obxectivo é defender os dereitos da sociedade diante da radio e da televisión e protexer a infancia e a familia nos mesmos medios. A ATERC está integrada na FIATYR (Federación Ibérica de Asociaciones y Telespectadores). Organiza frecuentemente charlas e coloquios sobre temas relacionados coa comunicación. Tamén edita o boletín Telezapping.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización creada en 1983 na que participan a maior parte dos colectivos de teatro de obxectos de Galicia. Entre as múltiples actividades que desenvolveron destacan os diversos cursos e seminarios de formación, os Encontros de Titiriteiros, os Domingos de Furabolos ou o Festival Internacional de Títeres, coas edicións de Vigo e Santiago de Compostela. Pola súa presidencia pasaron Eduardo Rodríguez Cuña, de Tanxarina, e Fernanda Cabrera Varela, de Trécola, que conseguiron darlle á entidade un crecente protagonismo na realidade teatral galega. Esta asociación deixou de funcionar en 1991, trala constitución de UNIMA Galicia, sección galega da Unión Internacional da Marioneta na que se integran a maioría dos grupos.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Organización feminista constituída en 1977 a partir da Federación de Organizacións Feministas (FOF) e formada por militantes e simpatizantes do Partido del Trabajo de España (PTE). Defendeu unha práctica máis ligada ás reformas sobre a situación existente ca a un cuestionamento de fondo da estrutura patriarcal da sociedade. Disolveuse en 1979.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Fundada en decembro de 1988, agrupa varios hoteis situados na provincia de Pontevedra. O seu obxectivo é lograr unha superior ocupación, baseándose nunha mellor atención das institucións e realizando actividades en común. Mantén unha oficina internacional situada no Porto que oferta servicios turísticos.