"Galicia" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 405.

  • Federación fundada durante o primeiro congreso galego de empresarias de Galicia, celebrado o 27 de abril de 1989, na Coruña. Ten a súa sede en Santiago de Compostela e está integrada, no 2002, polas Asociacións de Empresarias da Coruña (AECO), Pontevedra (APE), Ourense (AME) e Lugo (AELU). A través dun convenio coa Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, conta desde 1999 cun servizo gratuíto de asesoramento para a creación e consolidación de empresas. Proporciona, ademais, asesoría xurídica e laboral e información socioeconómica de carácter xeral, e organiza cursos de formación, congresos e xornadas sobre temas de interese para as mulleres empresarias.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Entidade fundada o 29 de outubro de 1977 en Santiago de Compostela que ten como finalidade a defensa dos intereses dos libreiros, do libro e da cultura de Galicia. Ademais, procura a mellora profesional e material dos seus asociados, promove o libro e a lectura a través de diversas actividades, e representa o sector en todos os foros de decisión e debate. Ao longo da súa historia, presidírona Xesús Couceiro Rivas, Ángel Martínez Ferrer, Xosé M. Alonso Martínez e Xaime C. Corral Prieto. Está formada por sete Agrupacións de Libreiros (Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Publicou os tres primeiros tomos do catálogo das publicacións en galego dende as Cantigas de Santa María ata o ano 1993. Anualmente, edita antoloxías e monografías dos escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas. Ademais, encárgase da organización das Feiras do Libro Novo e as do Libro Antigo e de Ocasión que se celebran en Galicia, xunto con xornadas monográficas sobre...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organización xurdida entre 1914 e 1915 e baseada na efémera Federación de Marineros del Morrazo. Con forte presenza en Marín e Cangas, tentou integrar as sociedades de mariñeiros, maquinistas e patróns de cabotaxe de toda Galicia. Alentada por militantes socialistas, como o marinense Xosé Hervés e o canteiro residente en Cangas Lorenzo Corbacho, tentou intervir no control das artes depredadoras e na erradicación da dinamita nas faenas pesqueiras. Desapareceu en 1922, logo de ter desenvolvido unha intensa conflitividade mariñeira nas rías de Vigo e Pontevedra a finais da segunda década do s XX.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Libro de Xosé Carlos Fernández Díaz editado en 2006 por Ir Indo edicións.El Ferrocarril en Galicia é unha obra única na bibliografía ferroviaria de Galicia, xa que proporciona unha ampla visión do mundo do ferrocarril no país galego. Nela pódese contemplar a construción das liñas existentes, explicacións sobre o retraso na chegada do ferrocarril á nosa Comunidade, ou mesmo a falta de desenvolvemento e competitividade relacionados coa comunicación. Toda a rede ferroviaria descríbese con datos estatísticos (estacións, pontes, túneles, accesos a portos, etc.). Ademais, realiza unha comparativa cos servizos existentes na Galicia de hoxe e os do resto do Estado, poñendo de manifesto o inferior número de relacións externas e internas con respecto a outras comunidades españolas. No capítulo de “Plans recentes” ofrécese ao lector un amplo repaso por multitude de plans frustrados e anulados, substituídos por outros igualmente esquecidos e inútiles. Tamén fala da falta de investimentos, incluso en...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Periódico bisemanal editado a partir de 1849 na Coruña. Fundado por Fernando Rubine e Faustino Domínguez, a través dos seus artigos tentaba revitalizar o sector pesqueiro en Galicia. Incluíu revistas de mercados europeos e americanos, e novas xerais e locais. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Domingo Puga.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación aparecida en decembro de 1857 na Coruña e subtitulada “Periódico destinado exclusivamente al desarrollo de los intereses materiales del país”. Editado e impreso nos obradoiros tipográficos de Xoán Rey Romero, da súa redacción encargábase Federico Martínez de la Riva. Ademais da información económica e de sociedade, incluíu algunhas composicións poéticas en galego.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociación que se creou oficialmente en 1984 coa intención de promover o uso do galego nas administracións públicas. Os seus membros fundacionais foron Xosé González Martínez, Xoaquín Monteagudo Romero, Xermán García Cancela e Carlos Díaz Abraira. En 1984 a AFNLG propúxolle a Xerardo Estévez, a convocatoria dunha xuntanza de rexedores municipais galegos para orientar a política lingüística nos concellos galegos. Posteriormente a AFNLG asinou con colectivos pertencentes ao ámbito do dereito convenios de colaboración para normalizar e estender o uso do galego. Coa Dirección Xeral de Política Lingüística editáronse por primeira vez textos xurídicos en lingua galega e creáronse gabinetes de asesoramento lingüístico nas audiencias provincias e no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Como consecuencia disto, maxistrados como Daniel García Ramos, Pablo Sande, Orencio Pérez González, Benito Montero, Carlos Varela, Xosé Xoán Barreiro Prado e Fernando Leiceaga, moitos xulgados e tribunais de...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Fundación sen ánimo de lucro creada en 1989 por Caixa Galicia coa finalidade de promover as actividades culturais en calquera das súas posibles manifestacións. Ten a súa sede principal na Coruña. Centrouse no eido da investigación, das belas artes e da promoción cultural e na concesión de bolsas. Convoca diversas actividades de índole cultural. O interese polas artes plásticas deu lugar á creación da Colección Caixa Galicia (1996), con sede na Coruña, constituída por fondos xa existentes e enmarcada nunca política de novas adquisicións que ten en conta as achegas da arte máis nova en Galicia. Pintura, escultura, instalacións e fotografía constitúen os fondos da colección. Posúe varias salas de exposicións e participa así mesmo, en mostras de arte contemporánea. Conta cun servizo pedagóxico para estudiantes e realiza talleres para os mais novos. Dende o curso 1997-1998 concede diversas bolsas de estudios no estranxeiro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • [FOESGA] Fundación sen ánimo de lucro que se constituíu o 23 de abril de 1997. Entre os seus obxectivos inclúense a organización de actividades docentes de caracter universitario, profesionais, sociais ou culturais, relacionadas con aspectos estratéxicos do desenvolvemento de Galicia, para a organización de todo tipo de prácticas docentes.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación bisemanal aparecida en Santiago de Compostela o 26 de maio de 1812. Cesou probablemente en xuño de 1814. Trátase do voceiro da Xunta Superior de Galicia e foi o substituto da “Gaceta instrutiva de la Junta Superior de Galicia” cando esta se trasladou dende A Coruña a Santiago de Compostela. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Manuel María de Vila. Incluíu, ademais de información xeral, extractos das sesións das Cortes de Cádiz.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Xornal progresista e liberal editado en Santiago de Compostela a partir do 1 de xaneiro de 1879. Cesou a súa edición o 30 de novembro de 1918. Subtitulouse “Diario de Santiago”, posto que foi o substituto dun xornal que levaba esta mesma cabeceira. Fundado e dirixido por Manuel Bibiano Fernández, contra 1900 foi substituído por A. Fernández Tafall e, posteriormente, por Francisco Vázquez Enríquez. Saía todos os días agás os domingos. Incluía información sobre temas agrícolas, o ferrocarril, a saúde, a moda, os xogos florais, etc. Ademais inseriu algúns poemas, contos e folletíns sobre historia, economía e dereito. Ás veces, incluía tamén suplementos literarios.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Revista editada en Vigo a partir do 4 de agosto de 1929. Subtitulouse “Letras, artes, industrias, actualidades...” Fundada por Eugenio de Olano e dirixida por Xosé Luís Viñas Castro, tentaba reflectir as novidades que chegaban de Europa e América coas achegas de intelectuais destacados da época. No aspecto literario incluíu poemas, contos, entrevistas e recensións dos libros da Biblioteca de Estudios Gallegos. No apartado gráfico, inseríronse fotografías de Ksado e ilustracións de Maside.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Periódico liberal editado na Coruña a partir do 13 de xuño de 1811. Cesou en maio de 1812. Imprimiuse nos obradoiros de Manuel María de Vila e saía todos os mércores e sábados. Trátase do voceiro oficial da Xunta Superior do Reino de Galicia e incluía, ademais de artigos políticos e militares, información económica, cunha especial atención á agricultura e á gandería. Foi substituída pola Gaceta de Galicia no momento do traslado da Xunta Superior a Santiago de Compostela.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ENTRADA LARGA

    Comunidade Autónoma do Reino de España situada no extremo noroccidental da Península Ibérica. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao O co Océano Atlántico, ao L co Principado de Asturias e a Comunidade Autónoma de Castela e León e ao S con Portugal. Sitúase entre os 43° 48’ e os 41° 49’ de latitude N e os 6° 44’ e os 9° 18’ de lonxitude O. Abrangue unha superficie de 29.574 km2, nos que acolle unha poboación de 2.737.370 h (2002). A capital é Santiago de Compostela.

    Xeografía física

    O relevo de Galicia caracterízase polo contraste topográfico entre as terras baixas costeiras situadas por debaixo dos 200 m (o 34% do territorio) e as terras máis elevadas do interior. A morfoloxía tamén sofre un marcado contraste entre as chairas elevadas da área setentrional e a sucesión de serras e depresións de orixe tectónica no sector meridional. Unha terceira oposición xeográfica márcaa a litoloxía, na maior parte...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Topónimo e antropónimo procedente da palabra latina Gallaecia. Aínda que se descoñece a súa orixe, parece que está relacionado co xentilicio latino gallus ‘galo’, nome que os romanos lles daban aos celtas. Segundo algúns investigadores vén de gal ‘gando vacún’, raíz composta de ga ‘vaca’ e o sufixo -l; ou talvez do persa gal-le-ban ‘pastor de gando vacún’, ‘nómade’, composto de gal-leh ‘armentío, manda de vacas’ e ban ‘pegureiro’; de feito, os celtas foron tradicionalmente un pobo nómade, que sempre estivo vinculado ao gando vacún. A tribo dos “calaicos” ou “galaicos”

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Liñaxe descendente do cabaleiro Pedro de Favras, señor de Trastámara, tío do Rei Afonso VII. As súas armas traen, en campo de goles, un castelo de ouro, acompañado de sete vieiras, do mesmo metal, tres a cada lado e postas en pau e unha en punta, e saíndo da torre da homenaxe, unha bandeira de dúas puntas, de prata, coa hasta de ouro; bordo tamén de ouro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Quincenario editado en Santiago de Compostela a partir do 1 de outubro de 1860. Cesou a súa edición o 15 de decembro de 1865. Subtitulouse “Revista universal deste reino”. Fundado e dirixido por Antonio Mª de la Iglesia e editado polo seu irmán Francisco Mª, tentou converterse nunha publicación cultural representativa do Rexurdimento. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Norberto Cascante (nº 1) e nos do Hospicio Principal. A través das súas páxinas promoveu a celebración dos xogos florais e dedicou unha especial atención á literatura medieval e á poesía.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • SEMANARIOS

    Semanario editado a partir do 10 de maio de 1885 en Ferrol. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de El Correo Gallego. Nos seus artigos tentaba dignificar a lingua galega e Galicia con traballos de F. Añón, Saco e Arce e Andrés Muruais; incluíu tamén contos e poemas, e información sobre prensa galega.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación mensual editada na Coruña a partir de xaneiro de 1887. Cesou a súa edición en xuño de 1893. Tivo dúas épocas, a primeira ata maio de 1889 e a segunda que comezou en xullo de 1892. Subtitulouse “Revista regional de ciencias, letras, artes, folk-lore, etc”. Imprimiuse sucesivamente nos obradoiros tipográficos de La Voz de Galicia, de Xosé Míguez Peinó e en La Comercial. Dirixida por Andrés Martínez Salazar, incluíu diferentes artigos nos que defendía o rexionalismo. Ademais, engadiu recensións de obras literarias, historia, etnografía, cuestións de ortografía, contos e refráns.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • SEMANARIOS

    Semanario editado en La Habana a partir do 25 de xullo de 1902. Cesou a súa edición o 30 de maio de 1930. Fundado e dirixido por Vicente López Veiga, centrouse fundamentalmente nas actividades das sociedades de emigrantes e incluíu artigos de opinión sobre temas políticos e sociais que afectaban a Galicia. Posteriormente exerceron como directores Constantino de Horta e Xosé Benito Cerdeira. A través das súas páxinas apoiou o movemento de Acción Gallega e as reivindicacións de Basilio Álvarez. No apartado literario, inseriu poemas e narracións de destacados autores galegos.

    VER O DETALLE DO TERMO