Cien años de soledad

Cien años de soledad
[LIT]

Novela publicada en 1967 por Gabriel García Márquez, escritor colombiano galardoado co Premio Nobel de Literatura en 1982. De técnica depuradísima, narra as vicisitudes da familia Buendía Iguarán ao longo de cen anos de soidade. José Arcadio Buendía e Úrsula Iguarán, curmáns e esposos, viven un amor marcado pola desgracia, xa que están expostos a ter como descendencia unha iguana, do mesmo xeito que lles ocorrera a un tío de José Arcadio e a unha tía de Úrsula, que tiñan a mesma relación de parentesco. Esta, temerosa da profecía, mantense virxe, feito que provoca as burlas dun amigo de José, Prudencio Aguilar. Ao non aturar máis a situación, José Arcadio mátao e esa mesma noite mantén relacións coa súa dona. Ante as continuas aparicións do espectro do morto, deciden fuxir e comezan unha peregrinación que rematará, tras varios anos, en Macondo. Da súa unión nacerán dous fillos, un que veu ao mundo durante a peregrinación, ao que chamaron como o pai, e Aureliano, coronel guerrilleiro e promotor de trinta e dúas guerras. Con este último ante o pelotón de fusilamento comeza a novela. O autor, a través de símbolos e sen alterar o ton narrativo, conta unha serie de acontecementos que rodean a familia Buendía, moitos deles fantásticos ou anormais, asumidos como certos pola súa perfecta imbricación co elemento real. Todo xira ao redor da casa dos Buendía que parece ter vida propia, pois segundo as necesidades dos seus habitantes nace, crece e desaparece ante a forza do vento, mentres os insectos comen o último Buendía, tal e como fora profetizado. Por ela pasarán varias xeracións de Aurelianos, José Arcadios, Amarantas, Remedios e Úrsulas coa súa carga de desgracias, prodixios e soidades. Os homes taciturnos, con mirada profunda e con forza descomunal, as mulleres negándose ao amor ou escravas do traballo, e todos en definitiva mergullados na eterna roda que semella ser o tempo en Macondo. Os personaxes viven varias veces os mesmos feitos e acontecementos que parecen non ter cabida en cen anos: as 32 guerras civís, os asasinatos en masa dos dezanove Aurelianos e dos obreiros da compañía bananeira e todo o que lles ocorre a cada un dos Buendía. O tempo semella que non lles pertence e aí radica a súa maldición, pois todo estaba escrito de antemán polo xitano Melquíades. Pilar Ternera, a máis que centenaria concubina nunca aceptada, sabedora do castigo reservado ao incesto, anima a Aureliano Babilonia, o último Buendía, a amar a súa tía Amaranta Úrsula, parentesco que el descoñece. Froito desta relación nace un neno con cola de porco, non a iguana profetizada, que comerán as formigas mentres seu pai descifra os manuscritos de Melquíades, o misterio da súa saga.

Palabras veciñas

Ciego de Ávila | Ciempozuelos | Ciempozuelos | Cien años de soledad | ciencia | Ciencia y Arte | Ciencias do espectáculo