cinc

cinc

(< al Zink)

  1. s m [QUÍM]

    Elemento químico, de número atómico 30, que pertence ao grupo IIB da táboa periódica. Está constituído por unha mestura de cinco isótopos estables, con masas de 64 (48,89%), 66 (27,81%), 67 (4,11%), 68 (18,57%) e 70 (0,62%), que determinan un peso atómico de 65,38. Coñecido dende a Antigüidade, empregouse na fabricación do bronce e do latón. É un elemento de abundancia media que se atopa amplamente distribuído na natureza; constitúe un 1,2¥10 -2 por cento do peso da codia terrestre. Os seus minerais máis importantes son a calamina (ZnCO 3 ), a willemita (Zn 2 SiSO 4 ) e a esfalerita (ZnS). Obtense por torrefacción no aire do carbonato ou do sulfuro, seguida de redución con carbón do óxido obtido e destilación do metal, xa que non se atopa en forma nativa. O metal é de cor branca brillante e escurece ao contacto co aire por oxidación superficial. Dende o punto de vista químico, presenta carácter anfótero. Reacciona cos ácidos minerais non oxidantes e cos hidróxidos dos metais alcalinos, con liberación de hidróxeno e formación, respectivamente, do ión Zn 2+ e dos cincatos, que se adoitan representar por ZnO 2 2- . A temperaturas elevadas reacciona directamente co osíxeno, cos halóxenos e con outros non metais, como o xofre, o fósforo e o selenio. O cinc actúa en todos os seus compostos con número de oxidación 2. Forma algúns ións complexos como [Zn(NH 3 ) 6 ] 2+ , en xeral pouco estables por mor da configuración d 10 do ión Zn 2+ . Forma compostos organometálicos, coas fórmulas R-Zn-X e R-Zn-R, que presentan notable interese. Dende o punto de vista biolóxico, é un dos metais máis importantes. Atópase nun gran número de proteínas, moitas destas con función enzimática. É un dos oligoelementos esenciais e tense que subministrar na dieta humana. O cinc, que rompe facilmente e é cristalino en frío, é dúctil e maleable entre 100 e 150°C; a humidade atmosférica atácao e cóbreo dunha capa de óxido moi delgada, que impide que a oxidación sexa profunda. O cinc ten un gran número de aplicacións, que xustifican a elevada produción deste metal, entre as que cómpre destacar a galvanización do ferro e do aceiro e a preparación de compostos de cinc, principalmente o óxido (ZnO). Emprégase para facer obxectos con molde e, en láminas, utilízase para facer canos e recipientes, para cubrir tellados, para fotogravados, etc. O cinc entra na composición de moitas aliaxes, entre as que se atopa o latón, con todos os metais ordinarios, agás o chumbo e o bismuto, dos que se separa en estado líquido.

    Sinónimos: zinc.
  2. cloruro de cinc [QUÍM]

    Sólido cristalino delicuescente, velenoso, soluble en auga, alcol e éter, que funde a 275°C. Obtense por oxidación do ácido clorhídrico sobre o cinc ou o óxido de cinc. Emprégase na galvanización do ferro, como deshidratante en síntese orgánica, preservativo para a madeira, desinfectante, na preparación de cementos especiais e na industria téxtil.

  3. óxido de cinc [QUÍM]

    Pos brancos amorfos, solubles en ácidos e álcalis, que funden a 1975°C. Obtense por oxidación do cinc en fase de vapor. Emprégase como pigmento e presenta a absorción de luz ultravioleta máis forte de todos os pigmentos comerciais. Como pigmento tamén se coñece cos nomes comerciais de branco de China e branco de cinc. Emprégase tamén na preparación de sales de cinc, en medicina e en electrónica, como semicondutor e fotocondutor.

  4. sulfato de cinc [QUÍM]

    Cristais incoloros, solubles en auga e glicerol, que funden a 100°C. Obtense a partir do sulfuro de cinc natural e emprégase en medicina, como mordente, preservativo para o coiro e a madeira, axente branqueador, reactivo analítico e complemento alimentario.

Palabras veciñas

cinamomo | cinanestesia | cinasco | cinc | Cinca | cincar | cincato