cisterciense

cisterciense
  1. adx

    Relativo ou pertencente á orde do Císter. Ex: No Camiño de Santiago atopámonos cun grupo de monxes cistercienses.

    Ex: No Camiño de Santiago atopámonos cun grupo de monxes cistercienses.

  2. s [RELIX]

    Monxe da orde do Císter.

  3. arte cisterciense [ARQUIT]

    Estilo arquitectónico difundido pola orde cisterciense nos ss XII e XIII, que marcou a transición entre o románico e o gótico. A característica principal é a austeridade, introducida por san Bernaldo. En tempos do abade santo Estevo Harding, os manuscritos de Cîteaux tiñan moita iluminación; sen embargo, en 1134, coincidindo coa maior influencia de san Bernaldo, o cabido xeral mandou que as letras capitais fosen dunha soa cor. O espírito de austeridade maniféstase na prohibición das representacións figuradas e na adopción de motivos xeométricos nas vidreiras. Tamén no canto gregoriano san Bernaldo empobreceu a obra realizada por santo Estevo Harding. Mesmo estableceu que os mosteiros deberían situarse en lugares afastados de poboacións ou castelos. A arquitectura cisterciense é simple e austera, e emprega como material básico a pedra. As igrexas seguiron maioritariamente o modelo adoptado por san Bernaldo, aínda que non é o único. En xeral, adoptouse a planta cruciforme con tres naves no eixe lonxitudinal e unha no cruceiro, con dúas capelas en cada brazo. A cabeceira estaba formada por unha capela de planta rectangular e remate recto. A cuberta utilizada foi a bóveda de canón e a ornamentación era sinxela e austera. A mediados do s XII, a rixidez do Císter suavizouse e ampliouse o número de capelas, que pasaron a catro no cruceiro; as cabeceiras dotáronse de deambulatorio e de capelas radiais, e adoptáronse os arcos apuntados e as bóvedas oxivais. No exterior, a gradación de volumes amosa a organización interna e non aparecen campanarios, prohibidos pola orde. O claustro adoita situarse no muro S da igrexa e a el ábrense as dependencias monásticas: no lado N están situados os dormitorios dos leigos, no S o refectorio e a cociña, e no L a sala capitular, o locutorio e os dormitorios dos monxes. Entre as mostras da arquitectura cisterciense destacan, en Francia, as abadías de Fontenay (Côte-d’Or) e Le Thoronet (Var); en Italia as de Casamari e Fossanova; e en España os mosteiros de Las Huelgas e Poblet. En Galicia son exemplos salientables os mosteiros de Armenteira, Meira, Melón, Montederramo, Monfero, Oia, Oseira e Sobrado dos Monxes.

Palabras veciñas

Cistecephalus | cisteína | Císter, orde do | cisterciense | Cistercium | cisterna | Cistérniga