6 coca

6 coca
s f [ETN]

Monstro imaxinario que acostuma aparecer representado en forma de dragón. A orixe do nome procede da forma baixo latina cocatrix (crocodilo) e aparece documentada por vez primeira en Ourense no ano 1437 co nome de coquetriz , dragón levado polo gremio dos zapateiros na procesión do Corpus, baixo a orde do bispo. Historicamente é unha representación plástica do demo, tipicamente cristiá, onde a figura dun monstro aparece vencida na loita que se establece con Deus ou cun representante seu. É a manifestación do mal e xa aparece no libro da Xénese cando o Demo se transforma en serpe para tentar a Eva. Para algúns estudiosos, a súa orixe podería estar nun dos milagres de santa Marta, concretamente naquel en que vence a un fero dragón que vivía no río Ródano, preto de Tarascon, lugar que daría nome á outra forma para denominala: tarasca. Seguramente, a representación diabólica coñeceuse dende hai tempo, e ao establecerse o Corpus escenificouse publicamente, o mesmo que outras historias e lendas relixiosas. O feito de saír cun dragón este día foi costume en toda Europa e documéntase a súa desaparición a finais do s XVIII e ao longo do s XIX. No s XVII en Galicia houbo moitas e as máis das vilas e cidades contaban coa súa propia e a feitura debía de ser moi semellante; a de Ourense armaba moito balbordo e botaba a boca ao que encontraba polo camiño; a de Pontevedra era de cor verde e estaba pintada de xeito que a súa pel semellaba escamas; en Redondela aparecía un caimán ou crocodilo feito de madeira e colocado sobre unhas rodas, cun corpo representado nunha armazón cuberta dunha tea apergamiñada a manchas verdes, como a pel dun sapo ou dunha ra. A través dun forte cordel alguén vai abrindo e pechando a súa enorme boca, onde se poden ver uns dentes de pasta branca; nos ollos leva dúas bólas grosas de vidro encarnado. Vai facendo trasnadas ao seu paso e no ventre van dous homes que sacan a man pola boca do animal para ir collendo todo o que poden. A representación desapareceu a raíz dunha prohibición de Carlos III, que ao mesmo tempo foi ben acollida polos gremios que estaban fartos de cargar co animal; sen embargo, a presión popular e os concellos conseguiron que se restituíse nalgúns lugares; en Galicia só se conserva a de Redondela. Nesta vila, e como ocorre coas demais cocas, é necesario facer referencia á orixe histórica e á mítica. Con respecto á primeira, comezou a percorrer as rúas na Idade Media, despois da institución da festa de Corpus Christi, onde se encaraba cun santo armado (san Xurxo) que ía a cabalo coma un cabaleiro medieval; na loita o perdedor sempre era o animal que tiña que ir na procesión. A outra versión mítica fai referencia á aparición dun monstro que vivía na ría e que tiña atemorizada a bisbarra. Ás veces facía a súa aparición, saía da auga e apoderábase dalgunha moza que levaba para a súa cova. Certo día, os mozos de Redondela decidiron acabar con ela nunha longa loita. Ao matala trouxérona ao lugar e comezou un baile ao seu redor. Os mozos mariñeiros bailaron coas armas nas mans, dando lugar á famosa danza das espadas, e ao mesmo tempo as mozas cativas bailaban coas nenas aos ombreiros, o que tamén daría lugar á danza das penlas. Esta mesma figura sofre, noutra versión, unha estraña metamorfose. Representa unha doncela que chora por uns amores desgraciados, e que de tanto chorar sáenlle ás; ao querer voar non pode porque lle vai nacendo unha longa cola e os seus beizos transfórmanse nunha boca de réptil. Por mor disto, cáenlle unhas bágoas que forman o río Alvedosa, que acaba por arrastrala ao mar. Na tradición oral recóllese a seguinte cantiga de arrolo: “Vaite coca, vaite coca, para riba do tellado e deixa durmir o neniño un soniño descansado”.

Palabras veciñas

3 coca | 4 coca | 5 coca | 6 coca | 7 coca | Coca | 8 coca*