Coca-cola
Empresa estadounidense fundada en Atlanta en 1887 para explotar a receita dun refresco de cola inventado o 5 de maio de 1886 polo farmacéutico John Stith Pemberton. A bebida, creada como un xarope estimulante, posúe unha fórmula secreta. Está composta, entre outros elementos, pola cola, a noz de cola e, orixinariamente, a cocaína, que se substituíu despois pola cafeína. Ten cor escura, sabor doce e está moi gaseada. Existen as variantes light (con edulcorantes acalóricos) e sen cafeína, ademais de diversas imitacións que se clasifican xenericamente como refrescos de cola, entre as que destaca Pepsi-cola. Asa Candler adquiriu a fórmula no 1888 e fundou a compañía Coca-cola no 1892. O nome foi rexistrado ao ano seguinte e dende 1895 vendeuse en todos os EE UU; a súa comercialización europea comezou en Alemaña no 1901. O crecemento na produción de Coca-cola continuou durante as primeiras décadas do s XX, chegou a todos os bares dos EEUU no 1923, ao tempo que se creaba unha división da compañía orientada á exportación do produto no 1930. Durante a Segunda Guerra Mundial, a compañía montou plantas de embotellado na fronte de batalla. Despois da guerra continuou a expansión comercial, coa que chegou á maioría dos mercados mundiais. Na década dos setenta iniciou a produción na URSS e China. A marca comezou a diversificar a súa produción en 1954, para o que lanzou outras bebidas refrescantes e viños de California. No 1982 adquiriu a sociedade cinematográfica Columbia da que se desprendeu en 1989. É a primeira empresa mundial produtora de bebidas non alcohólicas e ten filiais en case todos os estados do mundo, aos que lles subministra as materias primas. Coca-cola chegou a España por primeira vez no ano 1928 e en 1930 constituíuse a filial española en Madrid. Coa Guerra Civil interrompeuse o subministro ata 1953 e, posteriormente, instalouse en Barcelona, incluída no paquete de medidas pactadas cos EE UU no que se establecía un compromiso para a instalación de bases americanas no territorio español. Instalouse en Galicia en 1959 a través da empresa BEGANO, que centra a súa actividade na fabricación (dende 1961) e comercialización para Galicia de todas as bebidas refrescantes da marca.