Colexio-Seminario de Irlandeses de Santiago de Compostela
Institución pedagóxica fundada no ano 1598 a expensas reais e baixo o patrocinio de Diego Brocher (primado de Irlanda) e Daniel O’Sullivan Beare (conde de Birhaven), Beare e Bantry, exiliado na cidade da Coruña desde 1602. Neste centro estudiaban os fillos das familias nobres irlandesas exiliadas en Galicia como consecuencia da persecución que sufrían os católicos baixo o reinado de Enrique VIII (1509-1547). Este colexio, dirixido por Eugene Carty ata o 1613, foi o lugar de residencia dos irlandeses que asistían ás clases (normalmente estudiaban artes e canons) na Universidade de Santiago de Compostela. No 1613, por orde real, pasou a formar parte da Compañía de Xesús; a partir dese momento converteuse en seminario de nenos irlandeses de Santiago, dependente do seminario irlandés de Salamanca, centro encargado de formar sacerdotes irlandeses que, unha vez ordenados, volvían a Irlanda para loitar contra o anglicanismo. Os alumnos recibían instrución de filosofía durante tres anos e despois trasladábanse a Salamanca para formarse en teoloxía e ordenarse sacerdotes. Coa expulsión de España da Compañía de Xesús en 1767, pechou o colexio.