Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
Institución colexial creada en 1973 pola segregación do antigo Colegio de Arquitectos de León, Asturias y Galicia. A asemblea constituínte celebrouse en Santiago de Compostela en outubro de 1973. Ao abeiro do colexio, naceu a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (1975). Estrutúrase en dous niveis: un órgano xeral ou central situado na Casa da Conga, en Santiago de Compostela, e as delegacións da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. A dirección do colexio corresponde á Xunta de Goberno, formada polo decano presidente, o tesoureiro contador, o secretario, catro vocais e os presidentes das distintas delegacións. Pola súa banda, as delegacións contan cunha xunta directiva integrada por un presidente, un tesoureiro e un secretario. O colexio ten como funcións atender os aspectos profesionais dos colexiados, así como a problemática social, cultural, económica e urbanística galega. Para velar pola deontoloxía profesional e para impoñer as correccións disciplinarias, o colexio conta coa Comisión de Deontoloxía Profesional e co Tribunal Profesional. Ademais, dentro do colexio funcionan dúas asociacións profesionais: a Agrupación de Arquitectos, Peritos e Forenses, e a Agrupación de Arquitectos ao Servicio das Administracións Públicas en Galicia. Existen tamén tres comisións colexiais que axudan á Xunta de Goberno: a Comisión de Asuntos Profesionais, a de Asuntos Tecnolóxicos e a de Cultura. Esta última organizou exposicións, publicou libros, catálogos, a revista Obradoiro (desde 1978) e diversos suplementos en La Voz de Galicia (desde 1997). Convocou os seguintes premios: o COAG de Arquitectura (desde 1987), o COAG de Periodismo e Comunicación (desde 1992), o COAG Fin de Carreira (desde 1990) e o Julio Galán Carvajal (desde 1991). No Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, o colexio está representado polo seu decano-presidente. O primeiro en ocupar este posto foi Andrés Fernández-Albalat Lois (1973-1979), sucedido por Xosé Bar Boo (1977-1979), Juan González Cebrián (1979-1981), Xabier Suances Pereiro (1981-1983), Miguel Silva Suárez (1983-1986) e Arturo Conde Aldemira (1986-1989). Dende 1989 o seu presidente é José Manuel Rey Pichel.