Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo
Institución fundada en Vigo o 12 de marzo de 1891 co nome de Centro de Instrución Mercantil. En 1904 tomou a denominación de Círculo Mercantil e Industrial; en 1951, a de Círculo Recreativo Mercantil e Industrial e en 1965, a de Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo. O seu primeiro presidente foi José A. Priegue e, dende 1996, ocupa a presidencia Manuel Vila Ruibal. Naceu como unha asociación que reunía os comerciantes da época. Os seus fins son a promoción de actividades culturais, recreativas e deportivas para os seus socios, sen ánimo de lucro. Agás un período no que se situou no desaparecido Teatro Rosalía Castro, dende o seu nacemento tivo a sede na rúa do Príncipe, inaugurada polos reis Afonso XIII e Victoria Uxía o 28 de setembro de 1927. Nestas instalacións están as oficinas, o salón rexio, a cafetería, a sala de xogos e billar, o ximnasio e a biblioteca, a primeira que se informatizou en Galicia e que conta con 30.000 volumes, ademais de revistas, xornais e servicios de internet. O 16 de xullo de 1975 inaugurouse a Ciudad Deportiva situada en Marcosende, na parroquia de Zamáns. Entre os servicios que prestan estas instalacións destacan as piscinas, as pistas de tenis e paddle, os campos de fútbol, o pavillón deportivo e a zona de pícnic. A sociedade desenvolve, entre outras actividades culturais, conferencias, concertos, festivais de ópera e zarzuela, representacións teatrais e concursos de fotografía e debuxo ás que acudiron entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, F. Fernández del Riego, Camilo José Cela, Montserrat Caballé, Gonzalo Torrente Ballester e Ramón Torán. No eido deportivo desenvólvense escolas de tenis, natación, baloncesto, balomnán, tenis de mesa, billar e xadrez, ademais de competicións de carácter social. A sociedade conta con equipos deportivos que acadaron títulos nacionais como o campionato de España de tenis de mesa por equipos na segunda división (1965), o campionato de España por equipos de tenis femenino na categoría B (1984) e o campionato galego de tenis por equipos na categoría infantil (2001). En 1975 fundouse a revista social de El Círculo Mercantil. En 1989 estableceuse na entidade a Coral Casablanca. Entre os galardóns que recibiu a institución destacan a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1966) e a Placa Nacional de Prata ao Mérito Deportivo (1971). Pertence á Federación Gallega de Círculos y Casinos Culturales.