Círculo das Artes

Círculo das Artes

Institución fundada en Lugo o 29 de agosto de 1855 co nome de Círculo-Recreo de Artistas, Comerciantes e Curiales. O 2 de setembro do mesmo ano tomou o nome de Círculo das Artes. O seu primeiro presidente foi Pedro López Escariz e, dende 1988, ocupa a presidencia José Carlos Sánchez del Valle Fernández. A sociedade, instalada nun principio no nº 13 de Praza Maior, trasladouse definitivamente en 1898 a un novo edificio proxectado polo arquitecto Bellido. Entre os proxectos futuros da sociedade figuran a construción en San Pedro de Labio dun novo local social e de instalacións deportivas e recreativas, e a rehabilitación de dous edificios adxacentes á actual sede social para a ampliación da mesma. Os fins da sociedade son a promoción e o desenvolvemento da cultura, das artes e do deporte, co que se realiza un labor educativo recoñecido coa declaración de sociedade de utilidade pública (1980). O programa de actos culturais abrangue exposicións, concertos, representacións teatrais, conferencias e festas sociais. Entre as exposicións organizadas pola sociedade destacan a primeira Exposición colectiva de Pintores Lucenses (1947), a primeira mostra antolóxica de Pintura Galega (1960) e a exposición bibliográfica Cen Anos de Literatura Galega (1963). A sociedade conta cun Instituto de Estudios que ofrece clases de pintura, debuxo, música e idiomas, cunha biblioteca con máis de 8.000 volumes e cunha hemeroteca que recibe diversas publicacións e xornais españois e estranxeiros. A sociedade conta tamén cun fondo de gravacións musicais, culturais e audiovisuais, e cunha colección de arte formada por máis de cento cincuenta obras de pintura e escultura. A sección de publicacións editou, entre outras, as obras Cronología e historia de los reinos hebreos (1963), de Antonio López Otero, Galicia y Francia (1965), de Epifanio Ramos de Castro e X. Alonso Montero, Curso de lingüística comparada gallego-castellano (1966), de X. Alonso Montero, Cen anos de literatura galega. Catálogo da exposición celebrada no Círculo de las Artes de Lugo (1964), de Epifanio Ramos de Castro e X. Alonso Montero, Antonio Machado na nosa voz (1966), de X. Alonso Montero, Terra chá (1967), de Manuel María, O porvir da lingua galega (1968), Lugo: cen anos de vida social (1969), de Xosé Trapero Pardo, Muxicas no espello (1971), de Paco Martín, Cartafolio de Lugo (1981), de A. Fole, e La imprenta en Galicia (1982), de Manuel Soto Freire. Pertence á Federación Gallega de Círculos y Casinos Culturales.