Comba de Sens,
santa (s III) Mártir (273) baixo o Emperador Aureliano. A lenda conta que, levada polo seu desexo de virxindade, rexeitou casar cun poderoso señor; como castigo á súa soberbia, o xuíz destinouna a un prostíbulo. Neste lugar un mozo tentou violala, pero unha osa serviulle de protección; a partir deste suceso proclamouse a súa honestidade, feito polo que as autoridades a condenaron a morte e botaron o seu corpo ao lume; como as chamas non chegaron a alcanzala, o verdugo decapitouna finalmente. Esta santa foi moi venerada en París dende antes do s VII e aparece nos calendarios litúrxicos hispánicos anteriores ao s XII. Na iconografía leva a palma do martirio e, como atributo persoal, unha pomba (alusión ao seu nome), amais dunha osa encadeada e unha pluma de pavo real.