Comba
Comba
Prenome feminino procedente do latín columba ‘pomba’, animal sagrado de Venus, símbolo da paz no Antigo Testamento e do Espírito Santo no Novo Testamento. Comba é unha das santas máis antigas no culto hispánico (s IX). A santa Comba de Galicia, patroa das meigas, é a de Sens (s III). Na iconografía leva a palma do martirio e, como atributo persoal, unha pomba (alusión ao seu nome). É titular de 14 parroquias e a súa festividade celébrase o 31 de decembro e o 12 ou o 25 de agosto. Na tradición oral recóllense ditos como: “Noitevella, santa Comba, pola que o ano novo asoma”, “Por santa Comba, xaneiro asoma”, “O que vai a santa Comba e non vai a san Cibrán, fai a viaxe en van”.