Comisións Mariñeiras de Galicia

Comisións Mariñeiras de Galicia

Sindicato galego xurdido na década dos setenta para diminuír o peso que as confrarías de pescadores, con vocación vertical, tiñan no sector dos traballadores do mar. Agrupa o conxunto de traballadores de baixura, altura, marisqueo e acuicultura, ademais de pequenos armadores. A súa primeira asemblea, que se celebrou na Illa de Arousa en xaneiro de 1975 como culminación de anteriores asembleas de portos, aprobou a Plataforma reivindicativa dos traballadores do mar de pesca de altura e litoral. Neste documento, que serviu de programa provisional, propúñase a explotación racional dos recursos do mar, solicitábanse medidas de seguridade no posto de traballo, un salario mínimo (que naquel momento se establecía en 25.000 pesetas con independencia da participación na pesca capturada), unha xornada de oito horas e outras medidas sociais, e esixíase a supresión da lexislación militar na pesca. Nos primeiros anos foron os seus responsables Manuel Pillado, Begoña Palacio, Tito Ucha e Romualdo Irijoa, que lograron que se fundasen as primeiras comisións mariñeiras do litoral galego en Ribeira, Aguiño, Boiro, A Illa de Arousa, Vilaxoán, O Grove, Cambados, Poio, Portonovo, Cesantes, Cangas, Malpica, Laxe e Fisterra, que axiña se estenderon aos grandes portos, como o de Vigo, A Coruña ou Ferrol. Debido á vinculación deste sindicato con Comisiones Obreras (CC OO), no Congreso Federal de 1985, celebrado en Bilbao, decidiuse a súa fusión co Sindicato Libre da Mariña Mercante (SLMM), fundado en 1977 en Roma. No Congreso Federal de 1989, sendo secretario do sector do mar de CC OO Andoni Lecertúa, acadouse a integración definitiva en CC OO. Dende ese momento, aínda que mantén os seus sinais de identidade, forma parte do sector do mar da Federación de Comunicación e Transporte de CC OO.

Palabras veciñas

comisionista | Comisións Campesiñas | Comisións Labregas | Comisións Mariñeiras de Galicia | Comisións Obreiras | comiso | comisorio -ria