comité
(< fr comité)
-
s
m
Grupo de persoas elixidas para desempeñar cargos ou misións de interese común, en representación dun grupo, dunha asociación ou dun organismo, constituído por un número maior de membros. Entre os múltiples comités existentes poden sinalarse os comités de folga, que representan os traballadores durante as folgas e coidan do cumprimento dos seus dereitos; os de empresa, con múltiples atribucións, como a saúde laboral e a hixiene no traballo; os comités propresos, encargados da defensa dos encarcerados e das súas familias. Existiron ademais os comités de defensa que coidaban da integridade do sindicato ou movemento fronte a outros grupos ou ao Estado, os comités paritarios e os comités revolucionarios, entre outros moitos.
Ex: O comité sindical asinou o acordo coa empresa.
Confrontacións: comisión, delegación. -
comité central
[POLÍT]
Órgano dirixente dos partidos comunistas. Os seus membros elixíanse en cada congreso do partido.
-
comité de empresa
[DER]
Órgano colexiado, representativo dos traballadores dunha empresa ou dun centro de traballo, elixido para a defensa dos seus intereses. De orixe electoral e de carácter non sindical, aínda que o ordenamento xurídico o dotou de funcións sindicais, constitúese nas empresas con máis de 50 traballadores. A duración do seu mandato é de catro anos pero mantéñense nas súas funcións ata que non se celebren novas eleccións. Se remata o mandato e non hai eleccións, automaticamente se prorroga. Para o exercicio das funcións de representación, os membros do comité de empresa teñen un número mínimo de horas mensuais retribuídas, segundo o número de traballadores que haxa en cada centro de traballo; ata 100 traballadores, 15 horas; de 101 a 250, 20 horas; de 251 a 500, 30 horas; de 501 a 750, 35 horas; e de 751 en adiante, 40 horas. Ao ser o crédito de horas retribuídas, o representante dos traballadores non debe ver minguado o seu salario e para a utilización das mesmas só debe avisar o empresario, quen está obrigado a concedelas. Tamén pode esixirse por escrito a xustificación do uso das horas sindicais. Entre outras competencias, recibe información trimestral sobre a evolución xeral do sector económico ao que pertence a empresa; recibe unha copia dos contratos, prórrogas e denuncias; exerce un labor de vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral, prevención de riscos laborais, de Seguridade Social e emprego, así como noutros usos da empresa e formula, se é necesario, as accións legais oportunas ante a empresa, organismos e tribunais; coñece o balance, a conta de resultados, a memoria e demais documentos que se dan a coñecer aos socios, e nas mesmas condicións que estes; emite un informe con carácter previo á execución por parte da empresa das decisións adoptadas sobre: a reestruturación do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais, a redución da xornada e traslado total ou parcial das instalacións, plans de formación da empresa, implantación e revisión dos sistemas de organización e control de traballo, estudo de tempos, valoración dos postos de traballo e establecemento de primas ou incentivos; participa, como se determina por convenio colectivo, na xestión de obras sociais e asistenciais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores e dos seus familiares; colabora coa dirección da empresa para establecer as medidas que manteñan e aumenten a produtividade da empresa, de acordo co pactado nos convenios colectivos; coñece os modelos de contrato de traballo escrito empregados na empresa, os documentos relativos á terminación da relación laboral e a forma de pagamento dos salarios; emite un informe cando a fusión, modificación ou absorción do estatus xurídico da empresa implique calquera tipo de incidencia que afecte ao volume de emprego; intervén na aplicación do sistema de faltas e sancións; e coñece, polo menos trimestralmente, as estatísticas sobre a absención laboral e as súas causas, enfermidades profesionais e as súas consecuencias, índices de sinistralidade, accidentes de traballo e os estudios periódicos do medio ambiente laboral e mecanismos para previlos.
-
comité de folga
[DER]
Órgano encargado, nunha situación de folga, de participar en todas as actuacións dirixidas á solución do conflito, garantir a prestación dos servicios necesarios para a seguridade das persoas e cousas, e negociar co empresario para chegar a un acordo que poña fin á folga. Está composto por traballadores dos centros de traballo afectados.
-
comité paritario
[DER]
Consello composto por un número igual de representantes obreiros e patronais, cun presidente nomeado polo goberno, que tivo como finalidade resolver por arbitraxe previa obrigatoria os conflitos laborais colectivos e individuais. Este tipo de comités constituíu o organismo básico do réxime corporativo paritario implantado en España durante a ditadura de Primo de Rivera, por decreto do 26 de novembro de 1926, obra do ministro de Traballo, Eduard Aunós. Inspirouse no corporativismo fascista de Italia e no movemento social católico. Non se baseaba nun sindicato único, oficial e obrigatorio, senón que teoricamente a sindicación era libre, aínda que as decisións dos comités paritarios eran de obrigado cumprimento para todos os patróns e obreiros do sector sobre o que tiñan xurisdición. Só na Compañía Telefónica se impuxo a sindicación única e obrigatoria. A UGT e os socialistas participaron nos comités paritarios en virtude do pacto tácito de non agresión existente entre eles e o goberno franquista. No campo da agricultura practicamente non funcionaron e no da industria non evitaron que baixase o índice de salarios reais dos obreiros cualificados.
-
comité revolucionario
[HIST]
Organismo creado en Francia en 1793 pola Convención. Había un en cada municipio e en cada distrito das cidades de máis de 25.000 habitantes. Chegaron a aplicar directamente a lexislación revolucionaria, pero foron abolidos ao caer o réxime do Terror (xullo de 1794).