Comités Abertos de Escola e Facultade
Organización estudantil nacida en 1983 na Universidade de Santiago de Compostela, a máis antiga das que se manteñen en activo no conxunto de España. Constituídas ao abeiro da asociación Estudiantes Revolucionarios Galegos (ERGA), axiña ampliaron a súa base organizativa con membros procedentes doutros grupos políticos de esquerda (Esquerda Galega, Movemento Comunista, Liga Comunista Revolucionaria, etc), co que lograron ter presenza en todo o mapa universitario galego. Cun ideario nacionalista e de esquerdas, contan cunha longa traxectoria de loitas e reivindicacións na universidade e, conxuntamente, con outros movementos de tipo sectorial (antimilitaristas, ecoloxistas, feministas, etc). Aínda que asumen a constitución dunha organización única que represente a todos os estudiantes galegos, carece de coordinación real co ensino medio e contan coa oposición de numerosos colectivos estudiantís creados dende o reitorado (Colectivo de Independentes de Vigo, Grupo Múltiple de Santiago, etc). Así mesmo, en tanto que o seu obxectivo é o ensino galego, público, democrático e de calidade, trasladan as súas mobilizacións á sociedade galega no seu conxunto. Os órganos internos que rexen o seu funcionamento son a Asemblea Nacional, máximo organo de decisión, que se reúne con carácter ordinario unha vez ao ano, e o Consello Nacional, máximo organo executivo entre Asembleas Nacionais, que é, polo tanto, o encargado de executar a liña política emanada destas. Para a difusión dos seus obxectivos contan co periódico O Manifesto.