competencia

competencia

(

  1. s f
    1. Rivalidade de intereses entre persoas que perseguen o mesmo obxectivo.

      Ex: No exame da oposición había unha gran competencia.

    2. Persoa ou grupo co que se compite.

      Ex: Se non acadamos unha boa calidade darémoslle vantaxe á competencia.

  2. s f
    1. Capacidade ou facultade que ten unha persoa para coñecer e xulgar unha materia en profundidade.

      Ex: A súa competencia en cuestións de arte é discutible.

      Sinónimos: incompetencia. Confrontacións: capacidade.
    2. Dereito de decidir en virtude dunha autoridade legal ou dun recoñecido coñecemento da materia.

      Ex: Iso é competencia do director. O encargado non ten competencia para expulsar a un traballador.

    3. Asunto sobre o que unha persoa ou entidade ten capacidade legal.

      Ex: Co novo goberno moitas competencias foron transferidas á Xunta de Galicia.

  3. s f

    Habilidade e capacidade para desenvolver un labor correctamente.

    Ex: A súa competencia no eido educativo está máis que demostrada.

    Sinónimos: incompetencia.
  4. s f [BIOL]

    Estado dunha célula, especialmente bacteriana, capaz de transformarse xeneticamente deixando que penetre nela un fragmento de ADN. A competencia é unha propiedade herdable, relacionada coa síntese de certas proteínas extracelulares, denominadas factores de competencia.

  5. s f [ECOL]

    Acción antagónica entre os organismos que ocupan un mesmo nicho ecolóxico pola posesión dos seus recursos alimentarios, de espacio, de luz, etc. Diferénciase entre competencia intraespecífica e interespecífica, entre individuos da mesma ou de diferentes especies, respectivamente. Nos dous casos prodúcese o fenómeno de selección natural dos individuos máis aptos, feito que constitúe un dos mecanismos evolutivos.

  6. [ECON]
    1. s f

      Rivalidade entre dous ou máis produtores ou comerciantes con vistas a controlar o mercado máis amplo posible. En sentido técnico, a competencia organiza e regula de modo sistemático a participación dos suxeitos da vida económica na obtención de produtos adecuados ás esixencias do mercado, tanto dende o punto de vista do prezo como da calidade. Aínda que o concepto foi empregado con anterioridade aos economistas clásicos -os fisiócratas considerábana como o único medio para conseguir un prezo xusto-, foi a escola clásica a primeira en formular unha teoría completa sobre a formación dos prezos baseada no modelo de competencia perfecta ou libre competencia, desenvolvido despois polos economistas neoclásicos. Este modelo baseábase nunha serie de premisas que se crían definidoras da forma normal de mercado: o mercado está constituído de tal modo que cada empresa non ten bastante influencia para actuar independentemente sobre a produción nin sobre os prezos; os produtos ofértanse dunha maneira homoxénea, a fin de que os consumidores non poidan ter preferencias; non hai ningún obstáculo para a entrada de novas empresas competidoras; compradores e vendedores coñecen perfectamente todo o que se produce e se consome; e hai, ademais, unha perfecta mobilidade dos recursos produtivos. Se se dan estas premisas, o prezo da venda de cada mercadoría tende a identificarse co seu custo medio e co seu custo marxinal, e convértese, a longo prazo, no prezo de equilibrio fixo. Se o prezo de mercado fose superior ao de equilibrio, produciríase un exceso de oferta que faría baixar os prezos ata o nivel fixado; de xeito inverso, se fose inferior habería un exceso de demanda que o aumentaría ata o punto de equilibrio. Polo tanto, todo empresario que producise con este prezo determinado polo libre xogo do mercado sabería que ten asegurada a venda de toda a produción. Como o empresario quere obter o máximo beneficio, irá aumentando a súa produción ata que o custo da última unidade producida (o custo marxinal) sexa igual ao prezo do mercado ou aos ingresos medios, equivalentes aos ingresos marxinais. A observación dos feitos económicos cuestionou esta teoría clásica, aberta só a dous tipos concretos de mercado, a competencia perfecta, como regra xeral, e o monopolio, como caso límite, e orientouna cara a un desenvolvemento de situacións intermedias de mercado. Xa en 1926 P. Sraffa manifestou que, debido a que os produtos son distintos, é dicir, á ausencia de homoxeneidade, cada empresario tiña unha certa independencia para fixar os prezos. O cambio radical na análise dos mercados e da formación dos prezos produciuse co estudo The theory of monopolistic competition (A teoría da competencia monopolística, 1932), de Edward Hastings Chamberlin (1899-1967), e coa análise realizada en Economics of imperfect competition (A economía da competencia imperfecta, 1933), de Joan Violet Robinson (1903-1983). O primeiro estableceu o concepto de competencia monopolística, baseado na diferenciación intencionada do produto e na localización xeográfica dos oferentes. Formulou unha nova situación, máis real, na medida en que se podían dar uns monopolios impuros que admitían unha certa competencia cunha competencia insensible entre monopolios. Robinson definiu o concepto de competencia imperfecta como aquela situación normal na que as condicións da competencia perfecta non se cumpren a causa de tres obstáculos: gastos de transporte, información insuficiente dos consumidores e calidade diferente dos produtos. Definida por John Maurice Clark (1884-1963), a competencia practicable é aquela situación na que se produce unha rivalidade para a venda dos produtos, de tal xeito que o máximo beneficio que busca cada vendedor individual está limitado pola libre opción do comprador para dirixirse aos seus rivais que venden un produto similar. Clark definiu tamén o concepto de competencia virtual como aquela situación na que os obstáculos psicolóxicos suavizan os abusos dun monopolio absoluto.

    2. competencia desleal

      Actividade competitiva caracterizada pola utilización de técnicas ou procedementos contrarios ás leis e bos usos mercantís; entre outros, destacan os actos de confusión ou engano, violación de segredos industriais e vendas que xeran perdas. Está declarada ilícita pola lei e, polo tanto, prohibida.

    3. réxime de libre competencia

      Réxime no que a creación de empresas privadas é libre e os poderes públicos interveñen só para garantir o libre xogo das leis económicas.

  7. [DER]
    1. s f

      Capacidade legal para facer ou non algunha cousa.

    2. s f

      Calidade que lexitima a un órgano xurisdicional para coñecer un determinado asunto con exclusión dos demais órganos xudiciais. A competencia pode ser obxectiva, cando se determina o órgano que debe actuar atendendo ao obxecto ou á contía do xulgado; territorial, cando o territorio delimita qué órgano xudicial debe administrar xustiza entre varios da mesma clase e grao; e funcional, cando se refire á distribución das diferentes instancias dun mesmo asunto. No procedemento civil, a competencia obxectiva está determinada principalmente pola contía, e cando falta o acordo débense aplicar os denominados “foros de competencia”, sempre que esta non sexa improrrogable. No proceso penal a competencia sempre é improrrogable.

    3. competencia administrativa

      Conxunto de facultades atribuídas polo ordenamento xurídico aos entes públicos para o cumprimento, a través dos seus órganos, dos fins que lle son propios. Para poder actuar, os órganos administrativos deben ser competentes funcional, xerárquica e territorialmente.

    4. competencia xudicial

      Conxunto de asuntos sobre os que un xuíz ou un tribunal ten atribuída a súa xurisdición.

    5. cuestión de competencia

      Controversia formulada entre dous xuíces ou tribunais non subordinados entre si, promovida para determinar quén dos dous ten a competencia para coñecer un preito. Suspende o procedemento principal e pode formularse perante do xuíz ou tribunal que se consideren competentes ou diante daqueles que se cre que non o son.

  8. [LING]
    1. s f

      Capacidade lingüística que, segundo a gramática xenerativa transformacional, ten un falante ideal do modelo abstracto da súa lingua materna e que desenvolve na infancia. A competencia permítelle ao falante crear e comprender oracións, identificar os enunciados que pertencen á súa lingua, distinguir as semellanzas formais, as relacións de significado, a ambigüidade e o maior ou menor nivel de desviación da lingua. Deste xeito, a finalidade da gramática sería definir e describir a competencia lingüística, revelando os mecanismos que xeran as expresións correctas e que permiten comprender as ambiguas. N. Chomsky, tomando como modelo a diferenciación entre lingua e fala de Saussure desde unha perspectiva dinámico-xenerativa, introduciu a dicotomia entre competencia e actuación, entendida esta como o uso da lingua nunha situación concreta.

    2. competencia comunicativa

      Capacidade de dominar as regras gramaticais, saber empregar os diferentes códigos dunha lingua en cada situación concreta e a súa interpretación no contexto no que se producen. Así, a competencia comunicativa permite o coñecemento da gramática e do léxico, das normas da fala, da utilización da lingua nos distintos tipos de actos de fala e, en definitiva, o uso da lingua.

  9. s f [PEDAG]

    Idoneidade de toda persoa para a libre realización de si mesmo. Esa idoneidade, que se actualiza cando se pon a punto na interacción social e se ten en conta na acción, é unha condición fundamental para a educación (competencia de principio). Neste sentido, deben terse en conta os resultados de procesos de aprendizaxe. No campo da acción pedagóxica atribúense múltiples competencias debido a un cargo, unha posición, función ou cualificación: pais (educación familiar), profesores (ensino, consello), estado (plan de estudios, formación do profesorado, institución escolar) e pedagoxía como ciencia (tradición e innovación).

  10. s f [XEOL]

    Posibilidade dun río ou corrente de auga de transportar materiais illados da medida máxima compatible coa velocidade, en función da densidade dos seixos, da súa forma e da velocidade das augas.

  11. competencia social [SOCIOL]

    Forma elemental e universal de interrelación que comporta unha loita, implícita ou explícita, e con tendencia a excluír o uso da violencia, para conseguir un fin máis ou menos concreto.

Refráns

  • Ben se alegra o lobo do que come o zorro.

Palabras veciñas

compensatorio -ria | Compère, Loyset | Cómpeta | competencia | competente | competer | competición