complexo -xa

complexo -xa

(< lat complexu, p p de complecti‘abrazar’)

  1. adx

    Que está formado por diversas partes ou elementos diversos.

    Ex: A obra de teatro que gañou o festival era moi complexa. A impresora ten un mecanismo complexo.

  2. adx

    Que é difícil de solucionar ou entender pola súa complicación.

    Ex: Realizou un traballo complexo.

    Antónimos: simple.
  3. adx m [ALIM]

    Aplícase ao viño que presenta diversidade de aromas e olores harmónicos e equilibrados.

    1. s m

      Conxunto de cousas ou de partes relacionadas entre elas formando unha unidade.

      Ex: Comprou un complexo vitamínico.

    2. s m

      Conxunto de establecementos comerciais, ou doutro tipo, agrupados nunha zona determinada e cunha coordinación común.

      Ex: Construíron un complexo hostaleiro na parte nova da cidade.

    3. complexo industrial

      Conxunto de industrias agrupadas nunha zona ou territorio determinado, caracterizado pola presenza dunha industria de base, que marca o perfil do conxunto, acompañada por outras industrias complementarias, e pola dependencia mutua, técnica e económica.

  4. s m [PSIC]
    1. Conxunto de tendencias inconscientes que determinan as actividades e o comportamento do individuo. Adoptado polos psicanalistas, o termo expresa un conxunto de imaxes cunha especial carga afectiva que, ao se reprimir, adquire unha dinámica subconsciente que, segundo Freud, se manifesta simbolicamente en soños e, en estado de vixilia, noutras formas, ou, segundo Jung, en determinadas forzas morais do inconsciente. Os complexos non son algo patolóxico, pero pódense converter nunha cuestión patolóxica como consecuencia de modificacións posteriores ou de hipertrofias secundarias, ata o punto de que cada suceso importante da infancia pode provocar un. Algúns exemplos concretos son o complexo de castración, o complexo de Edipo, o complexo de Electra e o complexo de inferioridade.

    2. Calquera preocupación máis ou menos obsesiva provocada polos propios defectos físicos, frustracións ou outras carencias.

      Ex: Estaba cargado de complexos.

  5. s m [QUÍM]

    Composto químico que contén un átomo ou un ión central, xeralmente dun metal de transición, aceptador de electróns, rodeado dun grupo de ións ou de moléculas (denominados xenericamente ligandos), doadores de electróns. Este grupo tende a conservar a súa identidade mesmo en solución, aínda que é susceptible de disociación parcial. A carga eléctrica do complexo é a suma alxébrica das cargas do ión central e dos ligandos, e hai complexos neutros, catiónicos ou aniónicos. A teoría da coordinación de A. Werner (1893) postulou para os elementos metálicos unha valencia primaria (estado de oxidación) e unhas valencias secundarias (índice de coordinación), dirixidas cara a posicións definidas no espacio, capaces de compartir parellas de electróns subministradas polos ligandos e formar, con estes, enlaces covalentes dativos ou coordinados. A teoría dos enlaces de valencia de L. Pauling (1940), a do campo cristalino e a do campo dos ligandos (1951), explicaron a natureza destas valencias secundarias en función dos orbitais baleiros dispoñibles do ión metálico central, e as propiedades estereoquímicas, magnéticas e ópticas dos complexos. Segundo o ligando se una ao ión central por un só dos seus átomos ou por uns cantos, cualifícase de monodentado, de bidentado, etc, e, en xeral, de polidentado. Segundo o número de ións centrais presentes, o complexo é mononuclear, dinuclear, etc, ou polinuclear. Nalgúns casos, os ligandos conteñen sistemas de electróns pi máis ou menos deslocalizados, que se poden unir con metais e formar complexos pi. Tamén hai complexos chamados de transferencia de carga, que son de enlace débil, correntemente moleculares, caracterizados por pasar, mediante absorción de luz visible, a un estado excitado cunha transferencia de carga, que dá lugar a un aumento da participación da forma con covalencia dativa no híbrido de resonancia. O maior ou menor desprazamento do equilibrio nunha reacción de formación de complexos fai que un complexo sexa máis ou menos estable; en cambio, a maior ou menor velocidade nas reaccións de substitución dos ligandos divide os complexos en lábiles e inertes. Os complexos teñen formas xeométricas definidas polo número e o tipo de orbitais do ión metálico que participan no enlace. As máis correntes son a cadrada (hibridación dsp 2 ) e a tetraédrica (hibridación sp 3 ), para os metais de índice de coordinación 4, e a octoédrica (hidratación d 2 sp 3 ) para os de índice 6. Estas estruturas permiten, en moitos casos, a existencia de isómeros xeométricos e isómeros ópticos. A formación dos complexos modifica as propiedades dos seus constituíntes orixinais, en xeral exaltando a forza ácida dos ligandos e estabilizando algúns estados de oxidación anormais dos metais. Esta propiedade confírelles a algúns complexos unha grande actividade catalítica, manifestada particularmente en reaccións de oxidación-redución, algunhas delas de interese biolóxico. Moitos complexos interveñen como catalizadores na fase homoxénea ou como intermediarios en moitos outros tipos de reacción. O interese bioquímico dos complexos é moi grande, posto que moitos enzimas son activos só en presenza de pequenas cantidades de ións metálicos, e unha posición de coordinación no metal é o centro activo daqueles. Os reactivos orgánicos máis importantes da química analítica son ligandos formadores de complexos, caracterizados pola súa selectividade ou especificidade e pola súa sensibilidade, a súa solubilidade en solventes orgánicos e a súa coloración intensa, que permite a determinación absorciométrica de moitos metais.

  6. cláusula complexa [LING]

    Cláusula que presenta recursividade, é dicir, que contén no seu interior outra cláusula (

    Ex: Os mariñeiros esixiron que lles concedesen máis subvencións).

  7. complexo absorbente [ECOL]

    Conxunto de asociacións que acostuma ter categoría de biocenose.

  8. complexo absorbente [XEOL]

    Conxunto de coloides minerais e orgánicos (arxilas e humus) presentes no solo, que reteñen e intercambian ións.

  9. complexo antíxeno-anticorpo [FISIOL]

    Complexo macromolecular formado polo antíxeno unido ao seu anticorpo específico, fixado ou non ao seu complemento, que pode precipitar ou permanecer en solución. Denomínase tamén complexo inmune ou inmunocomplexo.

  10. complexo arxilohúmico [XEOL]

    Conxunto de substancias producidas pola unión entre ácidos húmicos e arxila coloidal, de difícil separación mesmo por medios químicos.

  11. complexo basamental [XEOL]

    Conxunto de rochas que se atopa baixo as que se estudian, especialmente se se descoñece a idade absoluta e a situación exacta na columna estratigráfica por falta de fósiles característicos.

  12. complexo climácico [ECOL]

    Conxunto de todas as series que culminan nun mesmo clímax, isto é, todas as comunidades vexetais que conviven nun mesmo dominio climácico.

  13. complexo cultural [ANTROP/CULT]

    Agrupación integrada por trazos culturais, durable, difusible interculturalmente e restrinxida a un só aspecto dentro dunha área cultural.

  14. complexo de comunidades [ECOL]

    Conxunto de comunidades que constitúen unha unidade na paisaxe vexetal.

  15. complexo de Golgi [BIOL]

    Aparato de Golgi.

  16. complexo enzima-substrato [BIOQ]

    Estado transitorio no decurso dunha reacción química catalizada por un enzima no que se combina a molécula enzimática cunha ou varias moléculas de substrato.

  17. complexo glaciofluvial [XEOG]

    Conxunto de formas de relevo que se observan na parte final dun glaciar e que foron construídas conxuntamente polo xeo e polas augas que proveñen da fusión deste xeo.

  18. complexo maior de histocompatibilidade [XEN]

    Conxunto de xenes dos vertebrados que codifican unha gran familia de proteínas da superficie celular que unen fragmentos de proteínas alleas e os presentan aos linfocitos T para inducir a resposta inmune. Son os responsables do recoñecemento do propio e do alleo e os principais axentes do rexeitamento no transplante de órganos e tecidos. Codifican dous tipos principais de moléculas: a clase I, que se expresa en todas as células nucleadas e recoñece, ademais da proteína allea, os receptores CD8 dos linfocitos citotóxicos; e a clase II, presente en células especializadas (como linfocitos B, macrófagos e outras células presentadoras de antíxeno), que recoñece os receptores CD4 dos linfocitos T colaboradores cos que interacciona. No ser humano codifica os antíxenos do sistema HLA e atópase no brazo curto do cromosoma 6.

  19. complexo multienzimático [BIOQ]

    Asociación supramolecular proteica formada pola integración de diferentes proteínas enzimáticas, na que cada unha delas mantén a súa propia estrutura cuaternaria pero actúan de maneira coordinada.

  20. complexo primario de Ghon [PAT]

    Lesión constituída por un pequeno infiltrado pulmonar (chancro de Ghon) e unha adenopatía rexional, no hilo do pulmón ou no mediastino. Representa a primeira infección tuberculosa do pulmón, que adoita curar espontaneamente coa calcificación das lesións.

  21. complexo soluble [BIOQ]

    Asociación de monómeros de fibrina ou de produtos da degradación do fibrinóxeno que se pode detectar no plasma no decurso de certos estados patolóxicos. OBS: A grafía x representa o son [ks].