Compostela S A, Editorial
Empresa editorial constituída en Santiago de Compostela en 1938 por Juan Sáenz-Díez García. Amais da publicación, impresión, edición e venda de xornais, libros, revistas e publicacións en xeral, participa na creación e na explotación de empresas de comunicación (radio, televisión, axencias informativas, centros de proceso de datos, informática, telemática, etc) e na produción e realización de programas audiovisuais para empresas de televisión e radio. No que respecta á área informativa, edita, imprime e distribúe diariamente os xornais El Correo Gallego e O Correo Galego. No apartado das artes gráficas, edita, imprime e distribúe xornais non diarios e boletíns oficiais, como é o caso do Diario Oficial de Galicia (DOG). Na área editorial, encárgase da edición do Anuario, da Agenda de la Comunicación de Galicia, da Guía Municipal de Galicia, do Ranking de empresas de Galicia y Norte de Portugal, e do Atlas comercial de Galicia, así como de obras de diversos autores galegos, entre elas, O camaleón solteiro, de Camilo J. Cela. Na área audiovisual, produce series para televisión como Sombras de Crime e Pratos Combinados. Na área radiofónica, é titular de emisoras de radio en FM como Radio Obradoiro, en Arzúa e Santiago de Compostela, e forma parte dun grupo de emisoras en colaboración coa cadena SER. No mundo das telecomunicacións participa en Inversiones Gallegas del Cable, plataforma que empregou para publicar os seus diarios a través da rede Internet a partir de outubro de 1995. Co obxectivo de racionalizar a súa actividade empresarial, en agosto de 1994 creou Telecable Compostela, e en outubro de 1997, Edicións Correo. Formou parte, xunto con outras empresas de comunicación, da fundación da Agencia Galega de Noticias (AGN). Con respecto á actividade social, promocionou o I e II Maratón de Galicia, os Premios Compostela de Teatro, os premios Gallegos del Mes e Gallego del Año, e creou o Foro del Pensamiento Europeo.