Compostela 93-99, proxecto
Proxecto de renovación e dinamización urbana da cidade de Santiago de Compostela que se desenvolveu ao longo da década dos noventa, elaborado e impulsado polo seu concello. Na década anterior, Santiago de Compostela e o seu Camiño acadaron recoñecementos internacionais: a cidade, como Patrimonio Cultural da Humanidade (UNESCO); e o Camiño, como Primeiro itinerario cultural europeo (Consello de Europa). Eses recoñecementos déronlles un novo pulo, civil e europeo, máis alá da súa permanente significación relixiosa. Desde outro punto de vista, os anos oitenta permitiron tamén unha definición dun proxecto urbanístico, moderno e democrático, que cristalizou no Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1989, e nunha primeira dotación de equipamentos para a cidade, como o Auditorio de Galicia. Con estas premisas, o goberno municipal dirixido polo alcalde Xerardo Estévez, quixo aproveitar a circunstancia da celebración na década dos noventa de dous anos xubilares (1993 e 1999) e a conmemoración en 1995 do cincocentos aniversario da Universidade de Santiago de Compostela para conseguir, no plano urbanístico, a execución das grandes infraestruturas e equipamentos definidos no Plan Xeral e intensificar a acción de rehabilitación do centro histórico, e para desenvolver unha acción cultural e promocional que lle dese á cidade un perfil de modernidade que acrecentase o seu atractivo e complementase a súa importancia como destino relixioso. O proxecto contou cunha premisa fundamental: a institucionalización da singularidade de Compostela a través da refundación do Real Padroado da Cidade, que se produciu en 1991. Foi ese Real Padroado o que coñeceu o programa e posibilitou os acordos administrativos necesarios para levalo a cabo. O programa estaba dividido en tres apartados en función das administracións implicadas na execución das intervencións: as bilaterais entre o concello e o Estado, e o concello e a Xunta de Galicia; e as tripartitas, entre o concello, a Xunta e o Estado. As dúas primeiras executáronse por acordos impulsados polo Real Padroado, mentres que as últimas se realizaron mediante a constitución dun organismo ad hoc, o Consorcio da Cidade de Santiago. As operacións máis salientables acometidas mediante os pactos entre o concello e o Estado foron: a construción dunha nova vía de circunvalación da cidade (denominada “o periférico”), a ampliación da Avenida de Lugo, a reforma das vías de acceso á mesma polas estradas de Lugo, Ourense e Pontevedra e a remodelación do edificio terminal do aeroporto. As accións de máis relevancia executadas bilateralmente polo concello e a Xunta de Galicia foron a construción do Novo Hospital Clínico Universitario, a da zona residencial e recreativa do Monte do Gozo e a dun novo Mercado Nacional de Gando, en Amio. Finalmente, as accións acometidas tripartitamente no seo do Consorcio da Cidade de Santiago foron, no que se refire a grandes equipamentos, a construción do Pazo de Congresos en San Lázaro, a do Pavillón Multiusos do Sar e a remodelación da avenida de Xoán XXIII, para convertela nunha grande área de servizo de acollida e atención a visitantes. No que se refire a intervencións no centro histórico, o desenvolvemento dos programas de rehabilitación de vivendas, de locais comerciais e de edificios públicos; os de remodelación do sistema viario e os espacios públicos e, finalmente, o de dotación e mellora de zonas verdes -en especial, a remodelación do Parque de San Domingos de Bonaval-. Por último, no que afecta ao desenvolvemento cultural e promocional, ademais da programación de actividades para os anos xubilares, cómpre salientar a creación da Real Filharmonía de Galicia. A importancia dos recursos mobilizados (máis de 150 mil millóns de pesetas), a novidade dos instrumentos de xestión postos en funcionamento, a dimensión das infraestruturas e equipamentos creados, e a relevancia das operacións culturais e promocionais executadas fan que o programa Compostela 93-99 sexa un dos exemplos máis destacables de planificación e dinamización urbana desenvolvidos en España e Europa, e que os seus efectos permitisen novos recoñecementos e desafíos internacionais para a cidade, como foron o Premio Europeo de Urbanismo, concedido en 1998, e a nominación de Compostela como Cidade Europea da Cultura no ano 2000.