Compostelano
Liña férrea, tamén denominada Ferrocarril Compostelano de la infanta doña Isabel, que foi inaugurada o 15 de setembro de 1873 e que unía as localidades de Carril e Cormes (Santiago de Compostela) cun percorrido de 41,01 km. O nacemento do ferrocarril en Galicia estivo vinculado aos elementos liberais e recibiu o apoio da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. A Sociedad del Ferrocarril Compostelano, constituída en 1863, contou entre os seus accionistas cun importante grupo de inversores da burguesía de Santiago, entre os que se incluían Andrés Vicente Nieto, Antonio García Candal, Andrés Tarrío, Baltasar Stolle, José Ignacio Eleizegui e Inocencio Vilardebó. Os emigrantes cubanos tamén participaron na empresa, pero a maior parte do capital proviña dos accionistas británicos, encabezados por John S. Mould. Entre o accionariado galego cómpre mencionar a Ramón Valle Inclán Bermúdez, pai de Ramón María del Valle-Inclán e coñecido liberal, que participou no consello de administración da compañía como secretario, e que perdeu nesta empresa boa parte da súa fortuna. A construción da liña comezou en 1863, pero co paulatino abandono dos accionistas galegos e a crise financeira que afectou aos construtores do ferrocarril en 1866, as obras detivéronse. O goberno interveu aprobando a lei do 2/7/1870, e cun novo investimento de capital de John S. Mould, finalizouse a obra, con Montero Ríos á fronte da sociedade (1873). A liña compostelá foi absorbida en 1886 por unha compañía constituída con este fin, a Coruña and Santiago Rail-way Company Lted.