Compostelano, El

Compostelano, El
[PUBLIC]

Xornal informativo que se editou en Santiago de Compostela a partir de febreiro de 1920 co subtítulo de “Diario Independiente”. Ramón Díaz-Varela Ituarte fundou esta publicación de ideoloxía católica, conservadora e xermanófila, que durante a Guerra Civil apoiou o bando nacional. Estaba dividido nas seccións “Crónica”, “Boletín del día”, “Galicia”, “Espectáculos”, “Noticias”, “Sucesos”, “Última hora” e “Anuncios”. No que respecta ao eido da literatura pódense subliñar as seccións “Pasatempos”, “Página poética” e “Folklore gallego”, nas que se incluíron traballos sobre costumes populares. Entre os colaboradores figuraban José Mª Moar, Salvador Cabeza de León, F. Fernández del Riego, J. Rey González, Ramón Cabanillas, F. Cabo Pastor, Carmiña Prieto, Portela Pazos e Otero Pedrayo, entre outros. Entre os anos 1925 e 1941 fixo unha importante contribución á literatura galega, xa que publicou unha gran variedade de poesía nesta lingua. Tamén hai que destacar a prosa de carácter costumista, os textos teatrais, as recensións de libros ou a información sobre actos literarios. En 1946 publicouse o seu último número e foi substituído por La Noche.