compresión

compresión

(

  1. s f

    Acción e efecto de comprimir ou comprimirse.

  2. s f [ALIM]

    Tecnoloxía desenvolvida para paliar o defecto do gran volume que ocupan os alimentos conservados por deshidratación.

  3. s f [IND]

    Operación de comprimir, mediante prensas especiais, granulados ou pos que conteñen produtos farmacoloxicamente activos, xunto con outros, denominados excipientes, que se engaden para facilitar a operación ou o uso posterior do comprimido resultante.

  4. s f [TECNOL]

    Tempo do ciclo do motor nos motores alternativos, no que o pistón comprime a mestura (motores de encendido por chispa) ou o aire (motores de encendido por compresión). Nos turborreactores, a compresión do aire realízase mediante un compresor centrífugo.

  5. s f [TECNOL]

    Esforzo ao que se somete unha peza pola acción de dúas forzas aplicadas na mesma dirección pero en sentido oposto e tendendo a xuntar as partículas. Xeralmente, os materiais que seguen a lei de Hooke para certos esforzos de tracción compórtanse dunha maneira análoga na compresión. A ruptura de moitos materiais sometidos a compresión, especialmente os que teñen as dimensións lonxitudinais bastante máis grandes cás transversais, prodúcese por dobramento para un esforzo inferior ao correspondente de resistencia á compresión.

  6. ensaio de compresión [TECNOL]

    Proba na que se somete unha probeta dun material a un esforzo de compresión. Utilízase pouco porque se pode substituír en bastantes casos polo de tracción e porque é difícil producir o esforzo tan elevado que adoita requirir a destrución da probeta. Faise xeralmente coa máquina universal de ensaio, axustando o dispositivo axeitado, e con probetas cilíndricas de altura entre 2,5 e 3 veces o diámetro. Pódense obter magnitudes análogas ás do ensaio de tracción: resistencia á compresión como cociente entre a carga de ruptura e a sección da probeta, contracción lonxitudinal como cociente entre a diferenza das lonxitudes inicial e final e a lonxitude inicial, etc.

Palabras veciñas

compresa | compresibilidade | compresible | compresión | compresivo -va | compresor -ra | comprimible