comunidade
(
-
s
f
Calidade de común, do que se posúe entre varios.
Ex: Os dous teñen a mesma comunidade de ideas.
-
s
f
Reunión dos que viven en común.
-
-
s
f
Conxunto de persoas unidas por uns mesmos intereses ou por unhas circunstancias comúns. Na tradición oral recóllense ditos como: “Na comunidade, non luzas a túa habilidade. Quen comunidade de-sexa, convén que común sexa”.
Ex: As obras fixéronse pensando en toda a comunidade de veciños.
Sinónimos: colectividade. -
s
f
[RELIX]
Conxunto de membros da Igrexa ou dunha igrexa particular, especificamente os relixiosos que pertencen a unha orde determinada e viven nun convento.
Ex: A superiora da comunidade de monxas estableceu o horario de visitas do convento.
-
s
f
[SOCIOL]
Grupo social caracterizado, xeralmente, por un vínculo territorial e de convivencia ou por unha afinidade de intereses e de convicións ideolóxicas (político-sociais, relixiosas, etc), e, en sentido máis amplo, conxunto de seres humanos.
Ex: Hai que traballar polo ben da comunidade.
Sinónimos: colectividade. -
s
f
[HIST]
Unión, baixo un réxime administrativo común, dunha cidade ou vila coas poboacións situadas no seu termo. Aínda que o conxunto da comunidade se rexía polo organismo municipal da cidade ou vila -cabeza da comunidade-, existían outros organismos administrativos de ámbito local nas aldeas ou parroquias. Orixinarias da época repoboadora do s XII, adquiriron importancia durante a Baixa Idade Media en Castela e Aragón. Con todo, a coroa procurou disolver estas organizacións e desapareceron cos decretos de Nova Planta (1707).
-
comunidade autónoma
[ADM]
Entidade dotada de autonomía política na que se constitúen as nacionalidades e rexións de España para o exercicio do dereito de autogoberno que lles recoñece a Constitución de 1978 (Artigo 2 do Título Preliminar).
Fundamentos xurídicos
Lexislación
A norma lexislativa na que se fundamenta o concepto de comunidade autónoma é a Constitución española de 1978, que dedica a esta materia varios puntos do seu articulado; dende o Título Preliminar ata as Disposicións Transitorias, o desenvolvemento do concepto e do seu contido recibiu a atención dos redactores da Carta Magna. O Capítulo Primeiro do Título VIII recolle os principios xerais da organización territorial do Estado; nel, ponse especial interese en evitar que as comunidades autónomas poidan interpretarse como instrumentos de privilexio, polo que o artigo 138.2 establece a igualdade de dereitos e obrigas, o equilibrio e a solidariedade no conxunto da nación. O Capítulo Terceiro deste Título VIII (subtitulado “Das Comunidades Autónomas”) desenvolve en profundidade o tema. Nel indícase a quén lle corresponde a iniciativa do proceso autonómico, qué requisitos se lles esixen aos territorios que desexen constituírse en comunidade autónoma, os trámites a seguir, qué contidos deben recoller os Estatutos, qué competencias poden asumir, qué órganos supremos deben instituír e as pautas xerais do seu financiamento.
Ámbito territorial
Para o deseño do estado autonómico, a Constitución baseouse fundamentalmente, aínda que non exclusivamente, na división provincial vixente dende o segundo cuarto do s XIX. Deste xeito, o exercicio do dereito ao autogoberno, proclamado no artigo 2 da Constitución, recoñéceselles ás provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns, aos territorios insulares e ás provincias dotadas dunha identidade rexional histórica (artigo 143-1 da Constitución). Ademais, o artigo 144-a deixa aberta a posibilidade de constituír comunidades autónomas en ámbitos territoriais inferiores e, nesa mesma liña, a Disposición Transitoria Quinta contempla explicitamente esta figura para as cidades norteafricanas de Ceuta e Melilla.
O proceso autonómico
Segundo a Constitución, a iniciativa do proceso autonómico correspóndelles en primeiro lugar ás deputacións ou, no seu caso, aos cabidos insulares interesados, xunto coas dúas terceiras partes dos municipios (cunha poboación que represente, cando menos, a maioría do censo electoral de cada provincia ou illa). O proxecto de estatuto debe elaboralo unha asemblea integrada polos membros das deputacións e/ou cabidos insulares afectados e os deputados e senadores elixidos nas circunscricións electorais de que se trate. Unha vez rematado o seu traballo, elevarase ás Cortes Generales para que estas o tramiten como lei.
Os estatutos
Conforme ao sancionado na Constitución, os estatutos son a norma institucional básica de cada comunidade autónoma. Por regra xeral deben conter: a) denominación da comunidade autónoma que mellor corresponda á súa identidade histórica; b) delimitación do seu territorio; c) denominación, organización e sede das institucións propias; e d) competencias asumidas. Para a súa reforma é preciso a aprobación das Cortes Generales.
Competencias
A comunidade autónoma é un ente administrativo dotado de competencias propias, transferidas fundamentalmente polo Estado pero tamén polas deputacións provinciais. No artigo 148 expóñense as competencias que, en cada caso, poden asumir as comunidades autónomas, sempre de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos. O artigo 149 especifica as competencias atribuídas exclusivamente ao Estado, mentres que a competencia nas materias non recollidas nos estatutos correspóndenlle tamén ao Estado. As que poden asumir as comunidades autónomas son: 1) organización das súas institucións de autogoberno; 2) alteración dos termos municipais do seu territorio e outras atribucións da administración do Estado sobre as corporacións locais; 3) ordenación do territorio; 4) obras públicas de interese da comunidade autónoma no seu propio territorio; 5) ferrocarrís e estradas que discorran integramente polo seu territorio; 6) portos de refuxio, portos e aeroportos deportivos e, en xeral, os que non desenvolvan actividades comerciais; 7) agricultura e gandería; 8) os montes e aproveitamentos forestais; 9) protección do medio; 10) aproveitamentos hídricos e regadíos; 11) pesca en augas interiores, marisqueo, acuicultura e caza; 12) feiras interiores; 13) fomento do desenvolvemento económico; 14) artesanía; 15) museos, bibliotecas e conservatorios; 16) patrimonio monumental; 17) fomento da cultura e da lingua propias; 18) fomento do turismo; 19) promoción do deporte; 20) asistencia social; 21) sanidade e hixiene; e 22) vixilancia e protección das súas instalacións, coa posibilidade de asumir outras funcións de seguridade.
O mapa autonómico
Galicia é unha das Comunidades Autónomas nas que se divide España, e xunto con Andalucía, Catalunya e Euskadi posúe o rango de nacionalidade histórica, que se lle recoñece polo feito de ter plebiscitado un Estatuto de Autonomía no pasado (no caso galego en xuño de 1936). Completan o mapa autonómico español Aragón, o Principado de Asturias, Illes Balears, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Extremadura, Madrid, a Región de Murcia, a Comunidad Foral de Navarra, La Rioja, a Comunitat Valenciana e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
A Comunidade Autónoma de Galicia
O camiño da autonomía para Galicia viuse favorecido polo precedente que sentara o estatuto plebiscitado en xuño de 1936. Tamén contribuíron de xeito decisivo as reivindicacións que formularan xa cataláns e vascos, polo que a consciencia da necesidade dun réxime autonómico era un lugar común para un amplo espectro da sociedade galega, dende os grupos da esquerda nacionalista ata incluso relevantes personalidades do réxime franquista. Entre estes últimos destacaron Antonio Rosón, Meilán Gil, Fernández Calviño e Pérez Puga, procuradores en Cortes. O 28 de xullo de 1976, Rosón reclamou, nun discurso pronunciado perante os reis, a concesión da autonomía para Galicia. O 16 de marzo de 1978 aprobouse o decreto de constitución da preautonomía galega (Decreto de Autonomía Transitoria). De acordo con ese decreto, constituíuse a Xunta de Galicia o 18 de abril de 1978. Un referendo aprobou o novo Estatuto de Autonomía o 21 de decembro de 1980. Esta disposición lexislativa, que constitúe a norma regulamentaria fundamental da Comunidade Autónoma de Galicia, foi definitivamente sancionada o 6 de abril de 1981. Ademais de establecer os poderes que rexen a nosa Comunidade, a súa estruturación e o seu marco competencial, tamén delimita Galicia territorialmente no seu artigo 2.1: “O territorio de Galicia é o comprendido nas actuais provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra”. Da aplicación do Estatuto naceron as institucións autonómicas. O Parlamento de Galicia constituíuse na asemblea lexislativa da comunidade despois das primeiras eleccións autonómicas, celebradas o 20 de outubro de 1981. A Xunta de Galicia converteuse nun auténtico executivo trala sesión de investidura do seu presidente, celebrada o 8 de xaneiro de 1982, na que foi elixido Xerardo Fernández Albor. O goberno galego tomou posesión o 22 de xaneiro, e polo seu decreto do 29 de xaneiro asumiu as competencias do ente preautonómico. O poder xudicial concretouse coa creación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
As outras comunidades autónomas españolas
Catalunya e Euskadi inauguraron o proceso autonómico. En 1977 creouse en Euskadi o Consejo General Vasco; en 1979 plebiscitouse e aprobouse o seu estatuto de autonomía, de xeito que o 9 de marzo dese ano se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento de Gernika. Polo que respecta a Catalunya, o 27 de setembro de 1977 o Goberno decretou o restablecemento da Generalitat; o seu estatuto aprobouse en referendo tamén en 1979 e as primeiras eleccións ao Parlament de Catalunya tiveron lugar o 20 de marzo de 1980. Andalucía, que conseguira un réxime preautonómico en abril de 1978, celebrou un referendo do seu Estatuto o 28 de febreiro de 1980, pero o resultado na provincia de Almería, na que os votos afirmativos non chegaron ao 50% necesario, provocaron unha interrupción no proceso; o mesmo día das primeiras eleccións ao parlamento galego, o 20 de outubro de 1981, celebrouse unha nova convocatoria, que resultou positiva, así que en xaneiro de 1982 se proclamou de modo oficial o estatuto andaluz, feito que permitiu convocar as primeiras eleccións autonómicas para o 23 de maio. Navarra, que mantivera as súas institucións forais durante o franquismo, seguiu unha vía diferente; no caso navarro a comunidade autónoma é unha Comunidad Foral que, en troques de estatuto, segue a rexerse polo seu Foro, que se adaptou ao marco constitucional mediante o denominado Amejoramiento del Fuero, que implica unha continuidade histórica do seu autogoberno. As seguintes comunidades en obter réximes preautonómicos foron Aragón, Canarias e València, que viron aprobar os seus respectivos decretos un día despois de Galicia, o 17 de abril de 1978; en setembro dese ano tocoulle ao Principado de Asturias. Unha vez que se estableceron as comunidades autónomas de Catalunya, Euskadi, Galicia e Andalucía, o goberno da UCD considerou oportuno aplicar o modelo administrativo autonómico a todo o territorio nacional, no que se denominou a doutrina do “café para todos”: formulou o debate dunha futura Ley Orgánica de Armonización del Proceso Autonómico (LOAPA), que resultou moi contestada; finalmente, o 1 de xullo de 1982, o Congreso de los Diputados aprobou a LOAPA. En xaneiro de 1982 aprobáronse os estatutos de Asturias e de Cantabria, e en xuño os de Aragón e Canarias. O 11 de xullo entraron en vigor os estatutos de La Rioja, da Comunitat Valenciana e da Región de Murcia. En agosto aprobouse o de Castela-A Mancha. En febreiro de 1983 aprobáronse os de Madrid, Extremadura, Illes Balears e Castela e León. En maio de 1983 celebráronse as primeiras eleccións autonómicas nas trece comunidades que non as celebraran con anterioridade, é dicir, en todas agás as “históricas” (Euskadi, Catalunya, Galicia e Andalucía). Por último, en 1995, Ceuta e Melilla pasaron a ser cidades autónomas con estatuto especial segregadas das súas antigas provincias, Cádiz e Málaga, respectivamente. -
comunidade científica
Grupo de investigadores e científicos de calquera disciplina ou especialidade ou dun determinado ámbito xeográfico. O termo apareceu por primeira vez no ano 1942 cando Polanyi o creou para referirse a un conxunto de investigadores cunha serie de crenzas comúns e que constitúen un grupo autónomo dentro do conxunto social. Posteriormente, outro investigador, R. K. Merton, definiu as normas que regulan as actividades das comunidades científicas e tamén as relacións dos seus membros. En 1965 Hagstrom retomou a idea de autonomismo, e afirmou que as influencias máis importantes sobre a comunidade científica son as opinións e ideas dos propios científicos. Non obstante , T. S. Kuhn deulle un novo enfoque ao termo, ao soster que a comunidade científica está regulada polas mesmas normas que articulan as relacións sociais de calquera tipo, e que, en certa maneira, a comunidade científica é o punto de referencia para a validación dos paradigmas que orientan a investigación científica. Desde a década dos sesenta o carácter autónomo da comunidade científica foi cuestionado, de tal xeito que se propugna o estudo deste termo desde un punto que non se limite aos procesos sociais e cognitivos internos deste grupo.
-
comunidade de base
[RELIX]
Pequeno grupo espontáneo constituído para realizar a fraternidade evanxélica nos diversos eidos da vida (intelectual, relixioso, político, etc) sobre a base dunhas razóns de afinidade (barrio, ideoloxía, compromiso político, traballo ou amizade). As comunidades de base naceron como reacción á falta de contacto persoal nas grandes parroquias urbanas e como busca comunitaria dun compromiso cristián concreto.
-
comunidade de bens
[DER]
Propiedade ou dominio dunha cousa ou dereito, compartida entre diversas persoas.
-
co-munidade de bens
[DER]
Forma de organización do patrimonio da sociedade conxugal, que se caracteriza por agrupar nunha masa común todos ou unha parte dos bens e propiedades dos cónxuxes de modo que as rendas se destinen a soportar os gastos do matrimonio. No caso de disolución da sociedade conxugal, repártese o patrimonio entre os cónxuxes ou entre os seus herdeiros.
-
comunidade de montes
Forma de organización dos montes veciñais en mancomún de Galicia. Os montes pertencen aos veciños da parroquia, aldea ou núcleo de poboación que tradicionalmente os aproveitan. A comunidade de montes fórmase a partir da suma dos terreos que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento e da súa vocación agraria, pertencen ás agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas. O seu aproveitamento realízase de forma consuetudinaria e en mancomún por parte dos membros das agrupacións na súa calidade de veciños. Os propios comuneiros son os que aproban os estatutos polos que se rexen. O título de comuneiro deriva da veciñanza dunha determinada entidade local, identificada frecuentemente co termo municipal. Os montes veciñais confórmanse como bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, aínda que poden ser obxecto de cesión temporal.
-
comunidade de pastos
[DER]
Situación de copropiedade respecto aos pastos dos terreos de varios propietarios de fincas rústicas.
-
comunidade de propietarios
[DER]
Situación de copropiedade respecto a un ben moble ou inmoble, que ten como característica principal a existencia dunha pluralidade de persoas en relación á propiedade do obxecto. Os copropietarios teñen dereito a dispor da súa parte, que poden vender ou hipotecar. Cando a comunidade se forma con respecto a unha propiedade urbana réxese polas normas da propiedade horizontal.
-
comunidade de regantes
[DER]
Corporación de dereito público que, baixo tutela administrativa, exerce a administración das augas públicas para rego.
-
comunidade educativa
[EDUC]
Conxunto formado por todos os axentes e colaboradores do proceso educativo, especialmente referido aos pais, profesores e alumnos.
-
comunidade internacional
[DER]
Unión libre dos estados e demais suxeitos de dereito internacional baseada na idea de solidariedade e que intenta resolver por medios pacíficos os conflitos de intereses internacionais. A máis alta expresión de comunidade internacional é a Organización das Nacións Unidas.
-
comunidade linguística
[LING]
Grupo social no que os seus membros teñen consciencia de usar e relacionarse co mesmo sistema lingüístico.
-
comunidade primitiva
[RELIX]
Comunidade constituída nos primeiros tempos do cristianismo. En teoloxía pastoral é lugar común a referencia á comunidade de Xerusalén, descrita nos Actos dos Apóstolos.
-
comunidade terapéutica
[MED]
Unidade hospitalaria na que o enfermo se converte en parte activa da comunidade, polo que intervén en tarefas de organización asistencial. Todas as relacións entre os membros da comunidade (enfermos, auxiliares e médicos) considéranse como potencialmente terapéuticas.
-
comunidade virtual
[INFORM]
Grupo social constituído por membros que posúen certos intereses en común e que se poñen en contacto e comparten información por medio de redes de telecomunicacións.
-
s
f
-
s
f
[ECOL]
Conxunto de organismos que habitan un contorno común e interaccionan mutuamente.