Comunidade do Pacífico

Comunidade do Pacífico

Organización fundada en 1947 baixo o nome de Comisión do Pacífico Sur, que tomou a súa nova denominación en 1998. Os seus membros fundadores foron os gobernos que administraban territorios no Pacífico: Australia, EE UU, Francia, Nova Zelanda, Países Baixos e Reino Unido. Ampliouse posteriormente a 27 estados coa inclusión de Samoa Americana, as Illas Cook, os Estados Federados da Micronesia (FSM), a República de Fixi, a Polinesia Francesa, Guam, a República de Kiribati, as illas Marshall, a República de Nauru, Niue, as Illas Marianas do Norte (CNMI), a República de Palau, Papúa Nova Guinea, as illas Pitcairn, Samoa, as illas Solomon, Tokelau, o reino de Tonga, Tuvalu, a República de Vanuatu e os territorios franceses de ultramar de Wallis e Futuna. Os seus órganos de goberno son a Conferencia do Pacífico Sur, o Comité dos representantes do Goberno e da Administración e a Secretaría, con sede en Nouméa (Nova Caledonia). O seu obxectivo é o desenvolvemento socioeconómico e cultural dos países membros.