Concepción
Prenome feminino procedente do latín conceptiōne(m) ‘concepción’, voz derivada do verbo concipio ‘conter’ a través de concepire semina ‘concibir, quedar preñada’. Presenta as variantes populares Conceizón e Conceución, e os hipocorísticos Conseiza, Concha, Conchiña, Chicha, Choncha, Nenuca e Lala. A doutrina da Inmaculada Concepción afirma que María, en virtude da graza preventiva de Cristo, foi preservada do pecado orixinal desde o instante en que foi concibida. Esta crenza, sen testemuño explícito na Biblia, foi aprobada por Sisto IV (1476) e definiuna como dogma de fe Pío IX (8.12.1854) na bula Ineffabilis Deus, tras moitos séculos de discusións teolóxicas e despois dunha tradición piadosa popular. Non obstante , grandes teólogos, como san Bernaldo de Claraval, santo Alberte Magno, san Boaventura, san Tomé de Aquino e, posteriormente, a escola dominicana, de acordo co principio da universalidade do pecado orixinal, opuxéronse a esta doutrina; os seus principais defensores foron os franciscanos. A festa do 8 de decembro, que conmemora esta crenza, coñécese popularmente co nome da Inmaculada. Na iconografía adoita representarse cun manto azul ornado de estrelas e cunha coroa de doce estrelas mirando para o ceo; o seu trono, rodeado por unha corte de anxos, é unha esfera terrestre; ás veces, leva tamén unha media lúa e unha serpe baixo os seus pés (símbolo da súa vitoria sobre o demo e o pecado). É patroa da facultade de Farmacia. En Galicia é titular de 3 parroquias: O Robledo da Lastra (no concello de Rubiá), Millarouso e Santurxo (O Barco de Valdeorras) e Mendoia (A Pobra de Trives). Na tradición oral recóllense ditos que reflicten a devoción popular cara a esta santa como: “Se chove pola Conceción, molla o Antroido, a Pascoa e a Anunciazón”, “Por santa Catarina a verza val galiña; pola Conceizón val capón e por xaneiro val carneiro”.