conde -sa

conde -sa

(< lat comĭte ‘acompañante’)

  1. s

    Persoa que posúe o título nobiliario de conde.

  2. s [HIST]

    Dignatario ou funcionario ao servizo dun monarca que ten ao seu cargo o goberno dun condado. Na Alta Idade Media peninsular concedéuselle o cargo de conde, de carácter electivo, á nobreza de orixe militar que apareceu coa monarquía asturiana e que recibiu do monarca unha serie de delegacións de poder, substituíndoo nas diferentes circunscricións administrativas. O cargo adquiriu carácter hereditario en certas liñaxes, como a dos condados de Castela ou de Catalunya no s X, nos que algúns príncipes soberanos de territorios pasaron a denominarse deste xeito. Durante os ss XI e XII os condes consolidaron o señorío territorial, ampliaron os seus dereitos e fixéronse hereditarios durante o goberno dos Trastámara. No Imperio Carolinxio, o conde era o principal funcionario do monarca que se ocupaba de reunir as tropas do condado, administrar xustiza, recadar os impostos e rexer a política e a economía do condado. Nos condados fronteirizos, coñecidos tamén como marcas, tiña poderes especiais e a miúdo era o encargado das repoboacións. Normalmente gozaba da posesión de certos dominios e dereitos como dote do seu cargo, o denominado beneficio, que co tempo se transformou en hereditario e nalgúns condados importantes a sucesión hereditaria levou á independencia. O conde pasou de funcionario real durante o Imperio Carolinxio a vasalo e señor feudal no Sacro Imperio Romano-Xermánico, polo que se produciu un cambio de título da persoa á terra, de xeito que se converteu en conde o que tiña un condado. No Imperio existían tres categorías de condes: o que dependía directamente do emperador pola súa persoa e polo conxunto dos seus bens, chamado conde do imperio; o que dependía só por unha parte dos seus bens; e o que non dependía directamente. Durante a Baixa Idade Media e na Idade Moderna, o cargo de conde foi perdendo o seu carácter feudal diante do crecente poder da monarquía que, sen embargo, creou novos condes. Conservouse o carácter de título nobiliario sen función ata que no s XIX acabou como unha distinción puramente honorífica.

  3. s

    Título nobiliario que na escala xerárquica está por riba do de vizconde e por debaixo do de marqués.

  4. s

    Cónxuxe dun conde ou dunha condesa.