Confederación de Trabajadores de América Latina

Confederación de Trabajadores de América Latina
Nome científico: [CTAL]

Organización sindical latinoamericana fundada en México en 1938 baixo a presidencia do mexicano Lombardo Toledano e do brasileiro Luis Prestes. O seu programa propuña unha reforma agraria, a defensa dos réximes democráticos e a independencia económica latinoamericana. Asistiron delegacións sindicais de Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Paraguay, Venezuela, Nicaragua, Costa Rica, Perú, Ecuador, Cuba, EE UU e México. Ao pouco tempo, os comunistas acadaron o seu control e vinculárona aos intereses soviéticos. A CTAL conseguiu a adhesión dos máis importantes sindicatos continentais, favoreceu a creación doutros novos e participou na conformación da Federación Sindical Mundial. A súa estratexia prosoviética fíxolle perder os principais afiliados a partir de 1951. A Confederación de Trabajadores de Cuba, fundada en 1939, escindiuse en dúas seccións, a comunista e a partidaria do presidente Batista. Trala vitoria castrista unificouse de novo na Central de Trabajadores de la Cuba Revolucionaria que, á marxe da CTAL, propuxo unha nova confederación en 1960. A Confederación de Trabajadores de Chile, fundada en 1936, dividiuse en dous bloques en 1946, o comunista e o socialista, feito que deu orixe á Central Única de Trabajadores de Chile, á marxe da CTAL. A Confederación de Trabajadores de México, fundada en 1936, constituíu o núcleo principal da CTAL, pero en 1953 afiliouse á Organización Regional Interamericana de Trabajadores (ORIT). A Confederación General del Trabajo de Argentina, fundada en 1930, pasou do control socialista ao peronista e abandonou a CTAL, aínda que permaneceu dividida en diversas tendencias xusticialistas. A Confederación de Trabajadores de Colombia, fundada en 1935, estivo controlada polos comunistas pero deixou a CTAL cando estes perderon o seu dominio. A Confederación de Trabajadores de Perú separouse da CTAL baixo a influencia progresiva da Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA). En xeral, a maioría dos disidentes da CTAL adheríronse á ORIT. No anos sesenta, a CTAL caeu nun gran descrédito e febleza, e os sindicatos comunistas afiliados actuaron a escala nacional. Disolta en 1965, as funcións da CTAL asumiunas a Conferencia Permanente de Unidad Sindical de Trabajadores de América Latina (CPUSTAL), procomunista, que se extinguiu en 1973.