Confederación de Empresarios de Galicia
Organización empresarial que agrupa as federacións provinciais de empresarios galegos. Constituíuse en 1981 por acordo das federacións provinciais. Os obxectivos eran fomentar e defender o sistema de iniciativa privada e a economía de mercado, promover a unidade empresarial e defender os intereses do empresariado fronte aos demais axentes económicos. Integrada na CEOE e na CEPYME dende a súa constitución, agrupa máis de 50.000 empresas e 290 asociacións empresariais. Ten representantes en diversas comisións e consellos da administración, así como nos consellos sociais das tres universidades de Galicia e na Fundación Empresa-Universidade de Galicia (FEUGA). O seu primeiro presidente foi Antonio Ramilo, quen dimitiu no ano 2000 logo de que se detectasen graves irregularidades contables na entidade. A partir do 1 de marzo de 2001 pasou a ocupar a presidencia o empresario Antonio Fontenla Ramil.