Confederación Ateniense
Unión de cidades gregas promovida por Atenas (378-338 a C) para refacer a Liga ou Confederación de Delos e atacar a hexemonía de Esparta. Na Convención de Quíos (377 a C) reuníronse os representantes de Mitilene, Metimma, Rodas, Calcis, Tebas e Bizancio. Mentres, Atenas exercía a hexemonía militar e respectaba inicialmente a autonomía dos integrantes da Confederación. Despois das vitorias de Cabrias e de Timoteo (375 a C) a Confederación chegou a contar con máis de setenta membros, pero a derrota diante de Corinto e a firma da Paz de Calías con Esparta, unida aos posteriores triunfos de Tebas (371 a C), levou ao abandono de numerosos aliados. A falta de recursos económicos obrigou ao restablecemento do tributo en Samos e Sestos, e emprendeuse unha durísima represión. Os aliados rebeláronse seguindo o exemplo de Quíos, que culminou coa derrota de Atenas en Embata (356 a C); posteriormente, esta recoñeceu a independencia das illas do Exeo oriental. As intrigas dos tebanos e dos persas destruíron a Confederación ata que Filipo II de Macedonia a eliminou.