Confederación de Alemaña do Norte
Unión política que agrupou os estados alemáns setentrionais entre 1867 e 1871, e que substituíu a Confederación Xermánica trala derrota de Austria por Prusia na Batalla de Sadova (1866). A creación desta nova Confederación por Bismarck illaba a Austria do conxunto de estados alemáns e consagraba a hexemonía prusiana. Formada por 22 estados, a súa Constitución dotouna dunha estrutura federal e centralista. Guillerme I de Prusia detentaba o poder executivo e Bismarck era o seu chanceler federal. O poder lexislativo articulábase en dúas cámaras: o Reichstag ou parlamento, elixido por sufraxio universal pero con poderes limitados, e o Bundesrat ou consello federal, formado polos representantes dos estados. O goberno común controlaba as forzas armadas, as comunicacións, as aduanas e dirixía o comercio e a política exterior. Os soberanos locais tiñan autonomía administrativa, xudicial e financeira. Os catro estados de Alemaña do Sur (Baden, Baviera, Hessen-Darmstadt e Württemberg) mantivéronse á marxe da Confederación pero Bismarck asinou con eles un tratado de axuda mutua en caso de guerra (1866) e a unión aduaneira ou Zollverein (1867). A Guerra Francoprusiana (1870-1871) permitiu reunir finalmente todos os estados, disolveu a Confederación e deu lugar ao nacemento do II Reich (1871), dirixido polo Kaiser Guillerme I.