Congreso Pedagóxico

Congreso Pedagóxico

Reunión na que se recollerían as preocupacións educativas expresadas por algúns pedagogos hispanos da primeira metade do s XIX. No ano 1882 tivo lugar o primeiro Congreso Nacional Pedagógico convocado en Madrid, no que se debateron os problemas xurdidos no ensino e a súa xeneralización ás diversas clases da cidadanía. Ademais do debate pedagóxico, tamén se discutiron as diversas políticas educativas, onde se confrontaron as posicións dos liberais e da Institución Libre de Enseñanza (ILE) coas posturas tradicionais dos conservadores. A este primeiro congreso seguíronlle, de modo inmediato, outros: o Congreso Pedagógico de València (1886), o Congreso Nacional Pedagógico de Barcelona (1888), o Congreso Pedagógico Hispano-Portugués Americano (1892), o Congreso Regional de Pontevedra (1887) e a Asamblea Nacional de Maestros (1891). A celebración destes encontros permitiu a configuración dun estado de opinión favorable á reforma educativa e a creación dun clima de innovacións pedagóxicas que acompañaron o conxunto de orientacións rexeneradoras instaladas na política española nos comezos do s XX. Ademais, estes primeiros congresos permitiron asentar unha práctica de encontros e de debate sobre os asuntos educativos que, ao longo dos períodos posteriores, atopou múltiples plasmacións nos diversos territorios españois, como congresos, asembleas, semanas, certames e exposicións escolares. Así, por exemplo, en Galicia desde o Congreso Regional de Pontevedra (1887), impulsado por Montero Ríos e Eduardo Vincenti, por representantes da ILE, e pola Asociación Pedagógica de Maestros de Pontevedra ata 1936, tiveron lugar outras actividades semellantes que contribuíron ao desenvolvemento da educación. Logo do estancamento rexistrado durante o franquismo, reanudáronse este tipo de actividades e xeneralizáronse en todo o ensino e en toda a xeografía ibérica. Destacan os congresos organizados pola Confederación Española de Movimientos de Renovación Pedagógica, da que forma parte, por exemplo, a Asociación Nova Escola Galega, as Xornadas do Ensino de Galicia, impulsadas pola AS-PG, os congresos académicos organizados por diversas institucións universitarias e tamén outros organizados desde as institucións políticas.