Congreso Nacional Indio
Partido político indio fundado en 1885 denominado tamén Partido do Congreso. De orientación socialista e democrática, foi partidario da non-aliñación. En 1905 solicitou o swaraj (‘autogoberno’) e ata 1920 desenvolveu unha política de oposición leal ao dominio británico. Dende ese mesmo ano, liderado polo mahatma Gandhi, tivo como obxectivo obter a purna swaraj (‘completa independencia’) por medio de campañas non violentas de desobediencia civil. Trala obtención da independencia en 1947, converteuse, con pequenas interrupcións, no partido maioritario do Parlamento ata 1989. Entre 1929 e 1959 o presidente do partido foi Jawaharlal Prasad Nehru, primeiro ministro da India (1947-1964) e un dos líderes da Conferencia de Bandung e do Movemento dos Países Non-Aliñados. Sucedeuno como primeiro ministro Lal Bahadur Shastri (1964-1966). En 1969 produciuse unha primeira escisión coa creación do Indian National Congress Organization (O, Organización do Congreso Nacional Indio). En 1978 Indira Gandhi, filla de Nehru, presidenta do partido dende 1959 e primeira ministra entre 1966 e 1977, formou un novo Congreso Nacional Indio (I), que en 1980 recuperou o goberno do país. Tralo seu asasinato (1984), o seu fillo, Rajiv Gandhi, ocupou o cargo de primeiro ministro ata 1989. Entre 1991 e 1996, Narasimha Rao foi presidente do partido e primeiro ministro, a quen sucedeu na presidencia do partido Sitaram Kresi (1996-1998). Dende 1998 ocupa o cargo Sonia Gandhi, viúva de Rajiv Gandhi.