Congreso Nacional Africano

Congreso Nacional Africano

Movemento político sudafricano fundado en 1912 coa finalidade de abolir o apartheid e que se transformou en partido político a partir de 1994. Xurdiu da Native Education Association fundada na Cidade do Cabo en 1892. Posteriormente, transformouse no Native National Congress (Bloemfontein, 1912). O seu primeiro presidente foi o clérigo zulú Mafukuzela, coñecido como J. Dube. Entre os seus líderes figuran Albert Luthuli, presidente en 1952, Oliver Tambo, Nelson Mandela e Thabo Mbeki. En 1959 escindiuse a ala situada máis á esquerda baixo o nome de Pan-Africanist Congress. Ilegalizado entre 1960 e 1990, propugnou a loita armada mentres a maioría dos seus líderes foron encarcerados ou marcharon ao exilio. En 1987 iniciou a vía do diálogo co goberno e asinou o 6 de agosto de 1990 os Acordos de Pretoria nos que renunciou á loita armada. O seu presidente, Oliver Tambo, regresou do exilio e, en xullo de 1991, cedeulle a presidencia a Mandela. Principiado o proceso de abolición do apartheid en Sudáfrica (1991), nas eleccións de abril de 1994 acadou o 62,65% dos sufraxios. Nelson Mandela foi elixido presidente da República de Sudáfrica (9 de maio) e formou un goberno de concentración no que participaron membros do Partido Nacional (representante da minoría branca) e do Inkhata (da minoría zulú). Nas eleccións de 1999 revalidouse o triunfo electoral, co que acadaron os dous tercios dos escanos na Asemblea Nacional, e o seu candidato e presidente do CNA, Thabo Mbeki, foi investido presidente da República o 14 de xuño.