Congreso Internacional da Paz

Congreso Internacional da Paz

Asemblea celebrada en Ferrol o 1 de maio de 1915, promovida polo Ateneo Sindicalista Obrero. As ideas de fraternidade universal, enraizadas no anarcosindicalismo, alentaron a realización dunha xuntanza de carácter internacional coa intención de evitar a extensión da Primeira Guerra Mundial e de pór os medios para finalizar coa contenda. Invitáronse a todas as federacións sindicais españolas e as figuras máis relevantes do anarquismo europeo. Non obstante , as presións das nacións belixerantes impediron a asistencia de, entre outros, Enrico Malatesta, Sebastián Faure, e do secretario da Unione Sindicale Italiana Armando Borghi. Aconselláronlle tamén ao goberno de Eduardo Dato que prohibise a celebración de sesións, detivese os delegados e deportase os participantes estranxeiros. As xuntanzas efectuáronse na clandestinidade. No transcurso dos debates, que posibilitaron a revitalización da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) en todo o Estado, destacaron Constancio Romeo, mestre racionalista establecido na Coruña; Xosé López Bouza, dirixente do Ateneo Sindicalista de Ferrol; e os cenetistas Angel Pestaña, Eugenio C. Carbó e Antonio Loredo. López Bouza encabezou despois un Comité Internacional que se encargou de difundir manifestos antimilitaristas, redactados nas diversas linguas dos países contendentes, e de preparar o seguinte Congreso convocado en Rio de Janeiro a mediados do mes de outubro.