conmutador -ra

conmutador -ra

(< conmutar)

  1. adx

    Que conmuta.

  2. [TECNOL]
    1. s m

      Aparello empregado para interromper un circuíto e conectar outro. Constitúe unha forma particular de interruptor ou de desconectador; está composto basicamente por un xogo de contactos, formado cada un deles por dous ou máis contactos fixos e un ou uns cantos contactos móbiles. Cada xogo de contactos (fixos ou móbiles) chámase polo. Segundo o número de polos, hai conmutadores unipolares, bipolares, tripolares, hexapolares, etc. Os contactos móbiles, segundo a posición na que se atopen, farán contacto cun ou con outro dos contactos fixos e, deste xeito, conectarán un circuíto ou outro. O conmutador ten, xa que logo, tantas posicións como poidan ter os seus contactos móbiles. Pode haber unha posición na que os contactos móbiles non fagan contacto con ningún dos fixos e esta recibe o nome de posición aberta ou posición cero.

    2. conmutador estrela-triángulo

      Conmutador tripolar ou hexapolar de dúas posicións (ou dúas posicións e unha posición cero), que serve para pór en marcha os motores trifásicos asíncronos a base de conectar as tres fases do motor, primeiro en estrela e despois, cando o motor xa xira á súa velocidade, conmútase a conexión das fases á de triángulo. Desta forma redúcese a sobreintensidade da posta en marcha, en comparación coa que se produciría se se puxese en funcionamento directamente en triángulo.

    3. conmutador inversor

      Conmutador que serve para conmutar o circuíto de conexión dun motor co fin de invertir o sentido de xiro. É un conmutador de dúas posicións e pode ser de dous, tres, catro ou cinco polos, segundo o tipo de motor. Existen diversas formas construtivas e sistemas de conexión.

  3. s m [FÍS]

    No marco da mecánica cuántica ou da mecánica estatística, operador dado pola expresión [A,B]=AB-BA, onde A e B son dous operadores. Se o conmutador de A e B é nulo dise que os operadores conmutan. É o análogo cuántico da paréntese de Poisson.

  4. [INFORM]
    1. s m

      Parámetro dun programa que selecciona unha alternativa entre as diversas posibles. É usual que esta selección determine cáles das diversas secuencias de instrucións poderán executar, pero neste caso a decisión tomada mantense mentres non se modifique o conmutador, en contraste coa selección feita linealmente na que é preciso repetir a decisión cada vez que pase.

    2. s m

      Ordenador que, dentro dunha rede, envía fluxos de datos dunha vía a outra, conducíndoos ao seu destino do xeito máis rápido.

    3. conmutador DIP

      Conmutador miniatura ou conxunto de conmutadores que se usan a miúdo nos equipos informáticos. O paquete dobre en liña (Dual Inline Package) indica que o conmutador é do mesmo tamaño e forma ca un circuíto integrado.

Palabras veciñas

conmutabilidade | conmutable | conmutación | conmutador -ra | conmutar | conmutativo -va | conmutatriz