Consello da Xuventude de Galicia

Consello da Xuventude de Galicia
Nome científico: [CXG]

Organismo autónomo da Xunta de Galicia creado ao abeiro da Lei 2/1987. Como entidade institucional representativa das organizacións xuvenís, o seu obxectivo fundamental é a promoción da participación, a representación e a defensa dos intereses da mocidade en xeral, diante das administracións públicas e da sociedade. Durante os anos oitenta, a participación dos máis novos constituíu un dos piares fundamentais da nova política de xuventude. Tratábase de facilitarlles ás entidades xuvenís a súa contribución en materia política, social, económica e cultural. Este papel de canle realízao, fundamentalmente, a través do tecido asociativo xuvenil galego e coa promoción do asociacionismo como ferramenta de cambio na sociedade. Está formado por diversas entidades políticas, sindicais, de tempo libre, feministas, culturais, etc, que realizan o seu labor dentro do ámbito autonómico. A súa petición de ingreso deberá ser ratificada pola Asemblea Xeral que, xunto co Comité Permanente, conforman o organigrama interno. O comité asume a dirección e executa as liñas de actuación aprobadas na devandita asemblea durante un período de dous anos, que concretan o labor realizado polas comisións de traballo. Hai seis comisións diferentes: asociacionismo; calidade de vida, saúde e medio ambiente; educación; muller; relacións internacionais; e voluntariado. Cada unha delas dirixe e coordina as actividades específicas do seu cometido. É, dende o traballo conxunto destas asociacións, de onde parten os informes e ditames dirixidos á Administración, así como o proxecto de traballo marcado para cada ano. Todo este labor se completa cun equipo de asesores técnicos que atenden todo tipo de demandas. Ademais, dende 1988 edita un boletín titulado Conxuga.