Consello Galego de Museos

Consello Galego de Museos

Organismo encargado da coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas. Ten a súa sede en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Fundouse en 1983 trala celebración en 1981 do I Coloquio de Museos Galegos en Santiago de Compostela, primeira tentativa de cooperación entre os diversos museos de Galicia. O 21 de xullo de 1991 adquiriu estatuto legal e adheríronse dez museos; posteriormente, ampliouse a 23 os centros museísticos: Museo da Colexiata de Santa María do Campo, Museo de Belas Artes e Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón da Coruña; Museo das Mariñas de Betanzos; Museo do Pobo Galego, Museo das Peregrinacións e Museo Historia Natural Luís Iglesias en Santiago de Compostela; Museo Provincial de Pontevedra; Museo Municipal Quiñones de Léon de Vigo; Museo Municipal de Ponteareas; Museo Etnolóxico de Ribadavia; Museo Comarcal da Limia en Vilar de Santos; Parque Etnográfico do Río Arnoia en Allariz; Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense; Casa-Museo Otero Pedrayo en Amoeiro; Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira; Museo da Terra de Melide; Museo Comarcal da Fonsagrada; Museo do Castro de Viladonga en Castro de Rei; Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo; Museo de Arte Sacra de Vilanova de Lourenzá; Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba; Museo Municipal Bello Piñeiro de Ferrol. Ten como principais obxectivos, ademais de coordinar o labor dos diferentes museos, traballar no proceso de normalización cultural de Galicia e na reconstrución da conciencia colectiva galega. Así mesmo, promove os Coloquios Galegos de Museos, como os de Lugo (1984), Ourense (1990), Pontevedra (1994), Melide (1997) e A Coruña (2000). Organiza tamén Xornadas Técnicas concibidas como un foro de análise e debate dos problemas profesionais.