Consello Escolar de Galicia

Consello Escolar de Galicia

Órgano superior de consulta e participación dos sectores afectados na programación xeral do ensino e de asesoramento, sobre os proxectos de lei ou dos regulamentos que propón ou dita a Xunta no ámbito da Comunidade Autónoma. Está integrado por un total de 51 persoas en representación do profesorado -proposto polos sindicatos-, dos pais dos alumnos, dos alumnos, dos titulares dos centros educativos privados, da administración, das universidades, das centrais sindicais e das organizacións empresariais, ademais dalgunhas personalidades. Segundo a Lei 3/1996, do 18 de decembro, e decretos posteriores que ordenan o seu funcionamento, establécese un pleno (cun promedio de dúas reunións anuais desde 1990) e tres comisións, baixo a presidencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, aínda que é o vicepresidente o que vén exercendo a súa dirección, tal e como acontece noutros consellos escolares (do Estado e doutras comunidades autónomas), creados sobre a base da Lei Orgánica do Dereito á Educación de 1985. Xunto ao debate e á aprobación de ditames relativos á normativa e lexislación educativa da Comunidade Autónoma de Galicia, desde 1994 aproba distintos informes anuais sobre a situación do sistema educativo de Galicia, que ata o ano 2001 foron de carácter temático, agás o primeiro (1992-1993) que consistiu nun exame global do sistema educativo nos niveis non universitarios. Os informes editados trataron diversos asuntos, como a educación infantil, a educación primaria, a convivencia nos centros escolares, a participación nas escolas galegas ou o rendemento escolar.