Consello Ecuménico das Igrexas

Consello Ecuménico das Igrexas

Asociación de igrexas cristiás recoñecida en Utrecht (1938) e definitivamente constituída na asemblea de Amsterdam (1948), onde se reuniron 351 delegados de 147 igrexas. Xurdiu como expresión do movemento ecuménico contemporáneo, do que chegou a ser unha peza fundamental. A Asemblea Xeral é o seu órgano supremo: toma as decisións, dá as directrices xerais e elixe un comité central e outro executivo. Posteriormente, celebráronse as seguintes asembleas: Evanston (Illinois, EE UU, 1954), con 502 delegados de 160 igrexas; Nova Delhi (India, 1961), con 577 delegados de 181 igrexas, na que entraron a formar parte todos os ortodoxos; Uppsala (Suecia, 1968), con 702 delegados de 202 igrexas; Nairobi (Kenya, 1975), con 747 delegados de 271 igrexas; e Vancouver (Canadá, 1983), con 784 delegados de 301 igrexas. En 1979 celebrouse a Conferencia Mundial sobre “Fe, Ciencia e o futuro” en Cambridge (Massachusetts, EE UU). No ano 1980, na asemblea celebrada en Melbourne, ampliou o seu traballo evanxelizador. Dous anos despois, en Lima, publicou uns importantes acordos ecuménicos sobre bautismo, Eucaristía e ministerio. En 1983 celebrou a súa sexta asemblea en Vancouver; en 1990 organizou un encontro mundial en Seúl e en 1991 reuniu a sétima Asemblea Xeral en Canberra. En 1994, o total de igrexas membros era de 324.