Consello Económico e Social das Nacións Unidas

Consello Económico e Social das Nacións Unidas

Organismo da ONU que se ocupa dos aspectos económicos e sociais da cooperación internacional. Ten por obxectivo elevar o nivel de vida e buscar o respecto universal dos dereitos do home e das súas liberdades fundamentais. Composto por 54 membros dende o ano 1971, actúa como órgano de coordinación entre a ONU e as axencias especializadas, relaciónase con outros órganos da ONU, participa na elección dos seus membros e colabora en diversos proxectos. Formado por varios órganos subsidiarios, inclúe entre os seus mecanismos de traballo os comités permanentes, as comisións rexionais e as comisións técnicas ou funcionais. Os comités permanentes son: Programa e Coordinación, Asentamentos Humanos, Organizacións Non Gobernamentais e Normas Internacionais de Contabilidade e Presentación de Informes. As comisións económicas e rexionais dedícanse ao fortalecemento das relacións económicas e ao estudo dos problemas económicos e tecnolóxicos de cada rexión. A Comisión Económica e Social para Asia e o Pacífico (CESAP), con sede central en Bangkok, e a Comisión Económica para Europa (CEE) establecida en Xenebra, creáronse en 1947. A CEE asumiu como tarefa primordial desde 1990 a integración dos estados ex-comunistas de Europa na economía de mercado europea e mundial. A Comisión Económica para Asia Occidental (CEAO) creouse para substituír a Oficina Económica e Social das Nacións Unidas en Beirut o 9 de agosto de 1973, e recibiu o nome definitivo de Comisión Económica e Social para Asia Occidental (ESCWA) o 26 de xullo de 1985. A Comisión Económica para África (CEA) fundouse en 1958, con sede en Adís Abeba; a súa misión céntrase no establecemento de institucións de apoio para o desenvolvemento de África, na difusión da tecnoloxía, e na planificación e xestión das finanzas. Formulou as estratexias económicas desenvolvidas en programas como o Plan de Acción de Lagos ou o Programa de Acción do Cairo. A Comisión Económica para América Latina y el Caribe (CEPAC) fundouse en 1948, ten a súa sede en Chile e incluíu o Caribe en 1985. Favoreceu a industrialización, o comercio intrarrexional, patrocinou os estudios sobre os problemas tecnolóxicos dos países da área e elaborou, ademais, publicacións propias. As comisións técnicas ou funcionais ocúpanse de problemas relacionados coa situación da muller, as drogas, a poboación, as estatísticas a nivel nacional ou internacional, etc.