conservadorismo
(
Ideoloxía e actitude que defende o statu quo vixente en cada momento e que se opón á idea de cambio social, defendido polos movementos progresistas ou revolucionarios. As primeiras manifestacións da tendencia conservadora apareceron en Inglaterra, entre a Guerra Civil de 1649 e a Revolución de 1688, cando os conservadores (tories) defenderon os intereses da aristocracia terratenente e do alto clero. A súa configuración como corrente ideolóxica partiu das obras de Edmund Burke, quen rexeitaba os principios da Revolución Francesa (igualdade, representación e soberanía popular), pero aceptaba a teoría do contrato social e o principio de soberanía nacional. Tomando como modelo as tradicións políticas británicas, defendía a orde, o equilibrio e a supremacía dunha lei natural e divina, e como froito dela existía un grupo, unha aristocracia natural que se ocuparía do goberno. Sobre esta base ideolóxica asistemática, apareceron durante o s XIX diversas correntes ou liñas doutrinais de carácter nacional e opostas en principio ao capitalismo. Así, en Reino Unido, converteuse nunha corrente ideolóxica representada polo Partido Conservador (1832), dentro dunha democracia parlamentaria, e na Europa continental os movementos conservadores rexeitaban, en xeral, as institucións, os principios democráticos e as eleccións representativas. No caso francés, dentro do movemento conservador existían dúas correntes políticas principais que oscilaban entre os reaccionarios e os moderados, defensores da monarquía dos Orléans. Entre os principais defensores do pensamento de Burke figuran Joseph de Maistre, Chateaubriand e Lamennais. As propostas de Burke durante o s XIX tamén serviron de inspiración a diversos grupos alemáns: os románticos como Muller e Kleist, o liberalismo nacionalista defendido por Steil e Stal, e os conservadores, que servían os intereses da aristocracia latifundista e o exército. Durante a segunda metade do s XIX, o conservadorismo europeo fusionou os seus intereses cos do capitalismo, que pasou a defender os principios da economía de mercado e da propiedade privada, e asimilounos como propios. O conservadorismo español, que apareceu a finais do s XVIII como consecuencia dos intentos de renovación das estruturas do Antigo Réxime, mantiña escasos vínculos co pensamento de Burke. Os primeiros representantes do movemento foron Martínez Marina e Jovellanos, xunto con algúns dos elementos que participaron nas Cortes de Cádiz, pero non foi ata a Restauración borbónica cando apareceu en España o Partido Liberal-Conservador, fundado e dirixido por Cánovas del Castillo, que chegou ao poder en 1875. Esta formación, que dominou a política española ata comezos do s XX, estableceu un sistema de gobernos de quendas co Partido Liberal-Fusionista de Sagasta. Durante o s XX, algúns dos grupos conservadores europeos apoiaron movementos autoritarios e totalitarios, como o fascismo en Italia e o nazismo en Alemaña. Pero foi un apoio excepcional, pois as bases do conservadorismo radican na aceptación dos mecanismos do sistema no que se inscribe para a defensa dos seus intereses e principios, e tamén, para emprender as transformacións que o poidan favorecer. Despois da Segunda Guerra Mundial, o conservadorismo rexurdiu como neoconservadorismo, marcado pola aceptación da democracia como sistema e a defensa no terreo social das tradicións e da familia, unida á liberdade individual.
