Constantinopla, patriarcado de
Dignidade e xurisdición do xefe espiritual da Igrexa ortodoxa, con sé en Constantinopla. O Concilio I de Constantinopla (381) recoñeceulle o primeiro lugar despois da sé romana. O Concilio de Calcedonia (451) atribuíulle a xurisdición sobre Tracia, Asia e O Ponto. As disensións con Roma, que culminaron coa mutua separación, en tempos do Patriarca Miguel Cerulario (1054), confirmaron a Constantinopla como cabeza de todo o mundo ortodoxo fronte á sociedade latina de Occidente. Aínda que conservou a primacía de honra de toda a Igrexa ortodoxa, o patriarca de Constantinopla, que reside en Fanar, barrio de Istambul, ten xurisdición sobre os ortodoxos de Turquía, algunhas illas gregas, o monte Athos, as dioceses do N de Grecia e moitas comunidades ortodoxas de Europa, América e Australia.