Constantinopla, Imperio Latino de

Constantinopla, Imperio Latino de

Imperio fundado trala conquista de Constantinopla polas forzas da Cuarta Cruzada (1204) e gobernado por príncipes francos ata que foi conquistado por Miguel VIII Paleólogo no 1261. O conde de Flandres e de Hainaut foi elixido o seu emperador, co nome de Balduíno I, e recibiu un territorio que se estendía por ambas as beiras do mar do Mármara e dos estreitos que incluía a parte NO de Anatolia, o territorio de Tracia e as illas de Samos, Quíos e Lesbos. O seu imperio, que incluía ademais unha parte da cidade de Constantinopla, organizouse segundo o sistema feudal e tiña como estados vasalos o reino de Tesalónica, o ducado de Atenas e o principado de Morea. A República de Venecia, que acadou unha posición dominante no Mediterráneo oriental, fíxose co control económico e non prestou vasalaxe a ningún dos emperadores francos de Oriente. O Imperio, sen embargo, non puido consolidar o seu territorio, pois dispuña de escasos recursos económicos propios e contaba coa oposición da poboación autóctona. Fronte a este Imperio alzáronse tres potencias que aspiraban a subxugalo: os imperios de Nicea e Tesalónica, continuadores do bizantino, e o reino de Bulgaria. O Emperador Balduíno I foi derrotado por unha coalición formada pola aristocracia terratenente de Tracia e o tsar búlgaro Kaloyán na Batalla de Adrianópolis (1205), na que o apresaron. Substituíuno no goberno o seu irmán Enrique I (1205-1216), que liberou Tracia dos búlgaros (1208) e restableceu a autoridade imperial no reino de Tesalónica. Sucedeuno o seu cuñado Pierre de Courtenay (1216-1219) e a este o seu fillo Roberto I, que sufriu unha derrota decisiva en Poimanon no 1225 e, polo tratado que se asinou, o Imperio perdeu case todos os territorios de Asia Menor. Mentres, Teodoro Anxo apoderouse de Tesalónica (1224) e estableceu o imperio homónimo, pero foi derrotado e apresado polo tsar búlgaro Xoán Asén II (1230). O Imperio de Nicea, dirixido por Xoán III Vatatzes, engrandeceuse coa conquista dos territorios de Anatolia e co dominio das principais illas do litoral. Entre 1241 e 1246 estableceu unha base no continente, Galípoli, anexionou o Imperio de Tesalónica e invadiu Tracia meridional. O seu sucesor Miguel VIII Paleólogo apoderouse de Constantinopla o 25 de xullo de 1261 e foi coroado emperador.