contracción

contracción

(< latcontractĭōne)

    1. s f

      Acción e efecto de contraer ou contraerse.

      Ex: Ó perder a humidade a porta de madeira sufriu unha pequena contracción.

    2. s f [FÍS]

      Diminución das dimensións transversais dun corpo sometido a un esforzo de deformación por tracción.

    3. s f [ECON]

      Fase de flutuación económica caracterizada pola redución ou diminución dos prezos, lucros, produción, emprego, consumo e investimentos.

    4. contracción cardíaca [FISIOL]

      Movemento das fibras musculares do corpo que fan que se contraia e que impulse o sangue cara ás diferentes portas do corazón. O impulso sanguíneo no tubo cardíaco embrionario efectúase a partir dos movementos peristálticos que se propagan regularmente a partir do seo venoso. Mentres progresa o desenvolvemento, diferéncianse os aneis musculares seo-atrial, atrio-ventricular e ventrículo-bulbar, dos que saen unha parte das fibras miocárdicas. Nos peixes, anfibios e réptiles non hai un sistema especializado condutor da contracción cardíaca. Só nos mamíferos hai unha separación real entre os músculos contractores e as fibras neuromusculares condutoras que constitúen o tecido nodal.

    5. contracción muscular [FISIOL]

      Propiedade que teñen as fibras musculares de diminuír a lonxitude nunha das súas dimensións e aumentala nas outras. Pódense contraer mediante excitacións mecánicas, térmicas, químicas e eléctricas, pero, en condicións fisiolóxicas normais, o músculo excítase exclusivamente mediante o impulso nervioso. Existe unha contracción isométrica, cando o músculo debe vencer unha resistencia tan grande que non lle permite acurtarse, e unha contracción isotónica, cando o músculo pode acurtarse e realizar un traballo. O músculo estriado en repouso recibe normalmente estímulos nerviosos que o manteñen nun certo grao de contracción ou ton muscular. Gracias ao ATP, que actúa sobre a actomiosina das fibras musculares, e ao glicóxeno muscular, a enerxía química transfórmase en enerxía mecánica. A contracción muscular realízase tanto en condicións aeróbicas como anaeróbicas; neste último caso, o glicóxeno desdóbrase e fórmanse ácido pirúvico e ácido láctico.

    6. contracción uterina [FISIOL]

      Contracción das fibras musculares do útero. Aparecen no transcurso da xestación, do parto e do puerperio. Mentres dura o embarazo son febles e indoloras. As que aparecen durante o parto teñen como obxectivo impulsar o feto e son involuntarias, intermitentes, rítmicas, totais, dolorosas e progresivas na súa duración e intensidade. Durante a contracción, o útero endurécese e o seu corpo vólvese cilíndrico. Logo da expulsión do feto aparecen contraccións que orixinan o desprendemento da placenta e a formación do globo uterino. Nos primeiros días do puerperio tamén se producen contraccións dolorosas e intermitentes do útero. A intensidade da contracción uterina caracterízase sempre por unha fase ascendente, unha culminación e unha fase descendente.

  1. f [LING]
    1. pron

      Redución dun elemento lingüístico, a miúdo en combinación con outro elemento. Por exemplo, o ditongo latino [oe] deu lugar á vogal galega [e] (lat POENA > pena). En galego pódense citar, entre outras, as contraccións ó (a prep + o art) e co (con prep + o art); en catalán, l’home (le art + home subst); en castelán, del (de prep + el art); en inglés, I’m (I

    2. Palabra que resulta desta redución.

      Ex: A palabra “do” é unha contracción da preposición “de” mais o artigo determinado “o”.

  2. s f [PALEOG]

    Sistema de abreviación que consiste en suprimir unha ou máis letras mediais nunha palabra.

  3. contracción da vea fluída [FÍS]

    Diminución da sección dun chorro de fluído que sae por un orificio pequeno, a causa das compoñentes transversais da velocidade das partículas do fluído no momento de pasar polo orificio. O coeficiente de contracción defínese por σ=S/S’, onde S é a sección do chorro e S’ a sección do orificio.

  4. contracción relativista [FÍS]

    Fenómeno polo que, canto maior sexa a velocidade v dun sistema móbil S’ respecto a un sistema de referencia inercial S, máis pequeno se ve o segmento no sistema móbil.

  5. teoría da contracción [XEOL]

    Teoría oroxénica, formulada por Élie de Beaumont en 1829, segundo a que a Terra se arrefría aos poucos e dá lugar a unha diminución no volume do núcleo, ao mesmo tempo que a codia, ríxida, contrae formando engurras. As modernas teorías xeolóxicas reduciron esta teoría a unha anécdota histórica.