Convergència i Unió

Convergència i Unió
Nome científico: [CiU]

Coalición electoral formada por Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) e Unió Democràtica de Catalunya (UDC) o 19 de setembro de 1978. Dende as eleccións municipais de 1979 son a primeira forza política a nivel municipal en Catalunya e, dende as eleccións autonómicas de 1980, gobernan na Generalitat de Catalunya con Jordi Pujol i Soley como presidente. Está presente no Congreso de los Diputados e no Senado dende 1979 e estableceu pactos de goberno co Partido Socialista Obrero Español (PSOE, 1993-1996) e co Partido Popular (PP, 1996-2000). Participan no Parlamento europeo dende 1987. O 31 de marzo de 2001, os consellos nacionais de CDC e UDC aprobaron o protocolo de bases para a Federació de Convergència i Unió, e o 27 de abril de 2001, as delegacións encargadas do mesmo asinaron o acordo, co que iniciaron o camiño para a constitución da futura federación. En xullo de 1998, CiU asinou co Bloque Nacionalista Galego (BNG) e co Partido Nacionalista Vasco (PNV) a Declaración de Barcelona, co obxectivo de conseguir unha reformulación do concepto de Estado español, do recoñecemento internacional dos respectivos dereitos nacionais e da aceptación de que o Estado español é plurinacional, plurilingüístico e pluricultural. Reuníronse de novo en Gasteiz, no mes de setembro, e en Santiago de Compostela, en outubro; o 12 de febreiro de 1999 instituíuse en Barcelona a Dirección Política e a Coordinación Xeral.