Conxo, Santa María de
Antigo mosteiro situado en Santiago de Compostela. Fundado no s X por San Pedro de Mezonzo, foi reconstruído trala razzia de Almanzor. No 1106, Diego Xelmírez restaurouno e estableceu unha comunidade de monxas baixo a regra beneditina. A nova igrexa inaugurouse en 1129. A decadencia das peregrinacións a Compostela durante o s XV e o menor uso da ruta xacobea, que pasaba polo lugar do mosteiro, levaron á súa decadencia e desaparición ordenada polo Papa Sisto IV. Coñécese a composición da igrexa medieval por algunhas descricións tardías e polos restos arqueolóxicos atopados. Tratábase dun templo con planta basilical de tres naves e tres ábsidas, a central de maior tamaño, con cuberta abovedada e construído con perpiaños. No altar situábase un frontal de bronce dourado onde se veneraba a imaxe da Virxe da Cuncha. Do claustro gótico consérvanse catro tramos e o inicio do quinto do lenzo oeste e a parte meridional. A reforma monacal dos Reis Católicos trouxo como consecuencia o traslado da comunidade beneditina ao mosteiro de San Paio de Antealtares e a desaparición da vida monacal. Cara ao 1480, Diego de Saldaña, confesor dos Reis Católicos, converteuno nun convento de mercedarios baixo a categoría de casa matriz, o que supuña non ter novicios. Nos primeiros anos do s XVII comezaron as obras de ampliación e remodelación do mosteiro. En 1608, o mestre Francisco González Araújo asinou un contrato para refacer a fachada medieval baixo os gustos estéticos da época, construír un novo campanario e reedificar parte dos edificios medievais. O claustro tamén se remodelou durante o s XVII. Baixo a dirección dos mestres Xácome Fernández, pai, Francisco González de Araújo, Xácome Fernández, fillo, Melchor López e Xacinto López, construíuse un segundo piso, e Diego de Romay realizou en 1690 a escaleira principal. Nesta época existía o chamado claustro do coro, pegado ao muro sur da igrexa medieval. En 1699 demoleuse a igrexa e acometeuse a construción dunha nova na que interviñeron Melchor de Velasco e Diego de Romay. Trátase dunha igrexa barroca con planta inscrita nun rectángulo, cunha soa nave rodeada de capelas laterais de menor altura e sobre as que se erixen tribunas. A nave central cóbrese con bóveda de canón, as capelas laterais con bóveda de aresta e o cruceiro cunha cúpula. En principio, Romay traballou fundamentalmente na cabeceira, que está máis elevada ca o resto da igrexa e que se cobre con bóveda de canón. En 1664 erixiuse a capela do Santo Cristo, onde se veneraba a imaxe do crucificado de Gregorio Fernández. A sona acadada por esta imaxe motivou a reedificación da capela (1730-1737) no lado oriental do cruceiro da igrexa. O comendador Alberto Gómez encargou a dirección das obras a Simón Rodríguez. Ten planta de cruz latina cunha nave lixeiramente máis curta ca o presbiterio, que se alonga tralo retablo maior nun espazo convertido en sancristía no s XIX. O cruceiro cóbrese cunha cúpula sobre pendentes que se apoia nun anel con catro ocos pequenos e decorado con placas no intradorso. Simón Rodríguez realizou tamén os dous sepulcros situados ás beiras do retablo maior: o do lado da Epístola corresponde a frei Fernando de Carbajal y Ribera, morto en 1707 e trasladados os seus restos en 1743, e o do lado do Evanxeo corresponde a frei García de Pardiñas, morto en 1741. Nos dous sepulcros aparece o escudo de frei García de Pardiñas e a súa orixinalidade radica no emprego das distintas formas xeométricas, especialmente as circulares, que forman xogos de luces e sombras. O retablo maior (1735-1737) é obra de Manuel de Leis e acolle a imaxe de Gregorio Fernández. Despois de acabar esta capela, Simón Rodríguez recibiu o encargo da renovación do convento, aínda que estas obras se lle adxudicaron finalmente a Clemente Fernández Sarela. As fachadas da igrexa e do mosteiro son barrocas. A portada da igrexa enmárcase entre dúas columnas dóricas, mentres que a do mosteiro amosa a decoración de placas característica do barroco galego e estrutúrase por medio de columnas toscanas de orde xigante. Os monxes mercedarios de Conxo tiveron un importante labor educativo, moitos deles pertenceron ao claustro da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no mosteiro creouse, baixo a dirección do comendador Andrés Fortes (1696-1710), o Colexio de Artes e Filosofía. A vida conventual mantívose ata a exclaustración de 1835. As xestións do arcebispo de Santiago de Compostela, o cardeal Payá y Rico, fixeron que as dependencias monacais se convertesen en 1902 en manicomio rexional e, posteriormente, en Hospital Psiquiátrico de Conxo.