conxugación

conxugación

(

  1. s f

    Acción e efecto de conxugar ou conxugarse.

    Ex: A conxugación de forza e técnica son calidades propias deste xogador.

  2. s f [LING]

    Ordenación dun sistema de paradigmas na que se expresan todos os morfemas gramaticais do verbo: a voz, o tempo, o aspecto, o modo, o número e a persoa. Cada verbo, ao ser flexionado, ordénase nun paradigma determinado, que adoita corresponderse co doutros verbos que presentan unha coincidencia na súa flexión; como resultado diso establécese un criterio que diferencia as distintas conxugacións. En galego, igual ca noutras linguas románicas (o portugués, o catalán e o castelán), os verbos ordénanse en tres paradigmas de conxugación: a primeira (IC) inclúe os verbos que presentan a terminación -ar no infinitivo ( andar); a segunda (IIC), a terminación -er ( varrer); e a terceira (IIIC), a terminación -ir ( partir). Estes paradigmas, denominados regulares, tamén poden presentar algunha variación ortográfica ( brincar, abranguer, traducir) ou alternancia vocálica ( beber, comer); sen embargo, tamén hai verbos que non seguen nalgún aspecto o paradigma regular que lles corrresponde e conxúganse irregularmente ( caber, estar, ser, etc).

  3. s f [BIOL]
    1. Unión dos gametos, especialmente na isogamia.

    2. Proceso particular de reprodución sexual dos cilióforos, onde intercambian material cromatínico con modificacións nucleares que conducen a unha división binaria.

    3. Tipo de reprodución sexual que se produce nalgunhas algas e que consiste na unión de dous acinetos.

    4. Mecanismo de intercambio xénico, propio das bacterias, que consiste no establecemento de pontes citoplasmáticas a través do pelo sexual pola que se transmiten plásmidos dunha célula a outra; nalgúns casos, estes plásmidos levan unidos fragmentos do cromosoma da célula doadora.

  4. conxugación de carga [FÍS]

    Operación que fai corresponder a toda partícula fundamental a súa antipartícula (é dicir, que cambia os signos de todas as cargas) e, por extensión, o operador que realiza esta acción.

  5. conxugación de fase óptica [FÍS]

    Utilización de fenómenos de óptica non lineal para inverter unha onda luminosa de xeito que a onda de retorno percorra exactamente a traxectoria da onda incidente. Os dispositivos capaces de producila denomínanse espellos conxugadores de fase. O fenómeno coñécese tamén como reflexión de inversión temporal ou inversión das frontes de onda e, no contexto da óptica da reflexión, como inversión temporal. Esta conxunción descubriuna en 1972 Boris Ya. Zel’dovic, do Instituto Lebedev de Moscova.

Palabras veciñas

Conxo, Santa María de | Conxuga | conxugable | conxugación | conxugado -da | conxugal | conxugar