cooperativa
(< cooperativo)
-
s
f
[ECON]
Sociedade formada pola adhesión libre e voluntaria dun número variable de membros (persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, e comunidades de bens). Estes membros achegan capital e traballo para a realización dunha actividade económica; participan democraticamente das decisións e dos beneficios netos que poidan producirse de xeito proporcional á súa contribución de capital ou ao seu traballo. Con respecto ao proceso produtivo, poden ser unidades económicas de produción, comercialización ou consumo.
-
cooperativa escolar
[PEDAG]
Sistema de socialización educativa que se basea na determinación dun obxectivo produtivo común. Para iso agrupa a todos os implicados na tarefa educativa e pretende poñer en práctica, de xeito organizado, traballos que, finalmente, repercutan no beneficio de todos os membros da comunidade escolar e mesmo da propia institución. O movemento de cooperativas escolares xurdiu en Francia ao redor da Primeira Guerra Mundial. O seu principal valedor foi M. Profit, integrado no compromiso renovador da Escola Nova. Diante da falta de recursos das escolas públicas, o seu promotor ideou e puxo en práctica unha fórmula que lle permitía á escola dispoñer dos medios necesarios para mellorar, en principio, as dotacións de materiais e, sobre todo, o ensino das ciencias da natureza e, por extensión, de todas as áreas que constitúen o currículo escolar. A carón das súas ideas xurdiron museos escolares, xardíns, hortos ou coleccións diversas, ao mesmo tempo que, de xeito paralelo e como consecuencia das distintas iniciativas emprendidas, se posibilitaba a adquisición de materiais escolares de todas as clases. Non obstante , se cadra por falta de experiencia, as cooperativas remataron por se converter nun sistema paralelo e alleo á actividade habitual da escola convencional que seguía funcionando segundo parámetros tradicionais. O obxectivo fundamental da cooperativa escolar, segundo M. Profit, era conseguir o desenvolvemento da solidariedade e a cooperación entre os alumnos, destes cos seus profesores e, tamén, da escola e a familia; de maneira que a actividade da cooperativa se organizaba tendo como base a necesaria colaboración de todos. Os beneficios acadados derivados das actividades realizadas eran administrados polos alumnos, orientados polos profesores e os pais. Deste xeito, conseguíase mellorar o nivel de compromiso diante da conservación e mellora da dotación material da escola e, ao mesmo tempo, estimulábase a orixinalidade e a capacidade de iniciativa, o desenvolvemento da liberdade e unha potenciación expresa da propia actividade. Neste ambiente, a disciplina xurdía espontaneamente e, polo xeral, aceptábanse as normas propostas polo grupo. M. Profit afirmaba que a escola cooperativa era activa porque se organizaba arredor das cousas, dos feitos, dos traballos manuais, o descubrimento como elemento didáctico de creación persoal e, sobre todo, da necesidade de establecer unha relación directa coas ciencias da natureza. O que se conseguía con este método era que o alumno se educase a si mesmo e non que o educasen. A forma máis habitual deste tipo de cooperativa tiña como referentes o horto, o xardín ou o couto escolar. No noso país este movemento tivo certa implantación durante a década dos anos vinte do s XX, baixo a denominación de xardíns escolares. A Segunda República propiciou a aparición de experiencias puntuais que, interpretando as ideas de M. Profit, tentaron buscar unha mellor integración co medio e chegaron a se converter en referente obrigado deste tipo de organización escolar. Despois da Guerra Civil apareceron os coutos escolares, explotacións agrarias organizadas pola escola. De feito, no ano 1941, publicouse un regulamento específico para este tipo de explotacións escolares dependente da Comisión Nacional de Mutualidades y Cotos Escolares, que pertencía ao Instituto Nacional de Previsión. Evidentemente, os principios educativos que inspiraban este tipo de experiencias non eran os que defendera noutro contexto M. Profit, e nada tiñan que ver cos que se tiñan desenvolvido en España nas décadas precedentes. En Galicia unha das experiencias máis singulares do movemento das cooperativas escolares foi a Cooperativa Rural Escolar Anexa á Escola Nacional de Nenos.